Carlos Casares en estado puro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O libro que ofrece La Voz este domingo recolle unha selección de artigos que condensan o estilo polo que é tan lembrado

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares era un gran afeccionado aos contos, a escoitalos e contalos. Ese gusto pola tradición oral e o puro goce da narración está na base do seu estilo literario, claro e transparente, dunha aparente sinxeleza que era, porén, froito de moito traballo. Tratábase dunha aposta pola conexión máis directa co lector, que tamén presidía os seus artigos.

Malia que a súa colaboración con La Voz comezou na década dos anos setenta, foi entre os anos 1992 e 2002 cando escribiu a diario a súa columna Á marxe, unha cita puntual cos seus moitos lectores, de toda clase e idade. Estes lectores, que tanto o botan en falta dende o seu prematuro pasamento en marzo do 2002, poden reencontrarse agora cos artigos de Casares no volume que La Voz ofrece este domingo. O libro recolle os textos publicados nos meses de agosto entre os anos 1997 e 2001, escritos, xa que logo, durante períodos de vacacións no que o tempo de lecer lle proporcionaba temas para escribir.

A Casares gustáballe ver pasar a vida, porque a vida mesma era a materia prima da súa literatura: os seus artigos non eran unha excepción. Tanto a partir das súas propias observacións, o decorrer da vida e do tempo constituía o miolo dos seus textos. Precisamente por isto as columnas de Á marxe conectaban tan ben con todo tipo de público, porque podían extraer toda unha lección vital do que en mans doutros autores non pasarían dunha anécdota. Podía ser a lembranza dun amigo da infancia, un bo xantar, unha conversa con amigos -como o seu veciño de veraneo Gonzalo Torrente Ballester-, unha lectura ou algo que vira: todo pasaba pola súa particular mirada para condensalo nun texto que ademais de informar, como corresponde á súa publicación nun xornal, tamén divertía igual que un conto. Carlos Casares en estado puro.

O volume pode adquirirse por 1,95 euros co periódico

O volume Os agostos de Casares recompila 155 artigos do escritor publicados nos meses de agosto entre os anos 1997 e o 2001. O libro pode adquirirse con La Voz este domingo, polo prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura no lombo do periódico. A recompilación de artigos supón ademais a primeira publicación dunha obra de Casares dende que foi designado como figura homenaxeada co Día das Letras do 2017.