Galicia Culturea promoverá a cultura e a lingua galegas en 166 concellos

sara p. seijo, a.s. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Raquel Cacabelos

O programa acollerá case seiscentas actividades durante xullo, agosto e setembro

16 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Levo a Gres dentro de min, son deste anaco do mundo», cantou Manoele de Felisa musicando as verbas do poeta Xosé Neira Vilas, falecido en novembro. Coas súas linguas, a muscular e a galega, inaugurou onte a programación musical de Galicia Culturea, o novo proxecto para o verán da Consellería de Cultura e Educación para a promoción e difusión da cultura e lingua galegas.

Galicia Culturea ten como obxectivo «facer unha programación para que chegue a todos os recunchos de Galicia», explicou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, 166 concellos, «máis da metade dos de Galicia», especificou Román Rodríguez, acollerán «preto de seiscentas actividades culturais», engadiu. A época estival foi a escollida «porque é a máis favorable para o consumo da cultura, xa que no verán Galicia é unha auténtica festa», sinalou o conselleiro. O seu argumento vese apoiado nas numerosas festas de parroquias e vilas, os múltiples festivais e outras actividades de lecer que os municipios organizan no verán.

O programa goza duna oferta variada e dirixida a todos os públicos, co fin de «levar a cultura e lingua galegas ás rúas e prazas dos concellos do territorio», expresou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. Mais a meta cultural é dobre. «Apostamos por unha programación que dispón de actos de carácter lúdico, pero tamén con vocación educativa e formativa, apoiando as principais liñas culturais do nosos país», afirmou Román Rodríguez. Galicia Culturae nace para promover a cultura, «visibilizar e achegar os distintos públicos aos creadores e artistas galegos», mencionou o conselleiro.

Oferta completa

A «completa», segundo Anxo Lorenzo, oferta do programa de verán inclúe una ampla variedade de propostas concibidas cunha «visión participativa da xente», contou Rodríguez. Música, teatro, lectura, danza, novo circo, maxia e incluso cine teñen cabida na programación de Galicia Culturea.

No tocante á música, a Consellería de Cultura programou unha serie de concertos nun total de 28 concellos galegos, nos que actuarán as formacións Zoar, Odaiko, Hércules Brass e Coro Cántigas da Terra, así como as corais Cantigas e Agarimos, Ruada, Toxos e Froles e Galicia Fiddle Orquestra. Ademais, e co fin de fomentar a relación dos máis novos coa música, desenvolveranse programacións formativas e incluso un campamento musical en Agolada.

Mais tamén hai actividades de estrea. Unha delas orientase aos máis cativos: Deseños minúsculos, valores maiúsculos. Son catro obradoiros cos que se pretende potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, mais tamén estimular a súa creatividade da man de profesionais da ilustracións, da artesanía, da moda ou do deseño. 

Dinamización do galego

O programa Rede de Dinamización Lingüística, impulsado tamén pola Consellería de Cultura, continúa no verán con tres novas propostas deseñadas para Galicia Culturea: Contos vellos para rapaces novosO zapateiro e o raposo; e Palabras máxicas. As dúas primeiras actividades son contacontos, sendo Contos vellos para rapaces novos unha homenaxe ao falecido Neira Vilas. A última, Palabras máxicas, será unha actuación, para todos os públicos, do mago Dani García.