A figura de Casares dará un novo pulo a popularización do Día das Letras Galegas

Raúl Romar García
R. Romar REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ramón Loureiro

Académicos e escritores coinciden na súa capacidade de chegar a sociedade

11 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares morreu hai catorce anos, pero a súa literatura non. Tanto a súa obra como a súa figura seguen moi vivas, con unha capacidade de engaiolar e atrapar a un amplo abano de novos lectores que teñen poucos dos galardoados co Día das Letras Galegas. É aínda un autor cunha plena vixencia, ao que se une a calidade das súas creacións, un valor que tiveron moi en conta os académicos á hora de aprobar a súa homenaxe para o vindeiro ano. A festa das letras do 2017 é moi probable que acade unha nova dimensión máis popular, na liña xa iniciada o pasado ano con Manuel María e que, de paso, se alcance o verdadeiro obxectivo de gañar lectores para a causa do galego.

Así o pensa, entre moitos outros, Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega e un dos que defendeu a candidatura do autor limiao. Todos fixeron unha reflexión moi parecida a esta: ¿Que é o que agora lle convén máis a cultura e as letras galegas? E a resposta foi Casares. «É un escritor cunha obra literaria de gran peso -di- que nos permite chegar a sectores moi amplos da sociedade galega». Esta é unha das claves, porque o creador ourensán «buscaba sobre todo a comunicación cos lectores, cunha obra moi creativa e apoiada no mundo actual, ao que se engade unha prosa engaiolante e unha capacidade de atrapar ao lector».

Nun mesmo senso apunta o tamén académico Víctor Freixanes. «Estamos a falar -explica? dun personaxe de moitos quilates, moi plural e cunha gran capacidade de enganchar a todo tipo de lectores». «O galego -engade- necesita referencias mobilizadoras que impliquen á xente e que esta se recoñeza nelas».

O escritor Antón Riveiro Coello vai aínda máis alá. «A figura de Casares -sostén- é moi viva. É un escritor ao que se lle pode sacar moito partido para as Letras Galegas, que pódese dicir que terá unha especie de resurrección, como a tivo con Manuel María, porque engancha moito co público». A vixencia do que foi o seu amigo e nado en Xinxo de Limia, coma el, faino falar de que «as Letras Galegas necesitan máis a Carlos Casares que Carlos Casares ás Letras Galegas».

Gustavo Garrido, secretario do padroado da Fundación Carlos Casares coincide en que «vai ser un escritor para o día das Letras Galegas que será moi fácil de ler, polo que pode achegar novos públicos». Para el, a homenaxe tamén será unha gran ocasión para «recuperar moita obra de Carlos que estaba esquecida e que agora poderemos recoller». 

O mestre da palabra

Marilar Aleixandre, que tomou posesión como académica o mesmo día en que se decidiu a homenaxe a Casares, cre que a elección suporá unha oportunidade para que «a xente nova coñeza mellor a obra de Carlos, aínda que a súa literatura está moi viva». «Foi -engade- unha persoa extraordinariamente comprometida co galego e a defensa da súa lingua e un dos grandes narradores do século XX».

O académico Francisco Díaz-Fierros resalta, pola súa banda, unha das facetas do máis que polifacético Casares. «Carlos -di- tiña a don da palabra, posiblemente como a ningún a tivo en Galicia. Nin sequera Otero Pedrayo, que era o mestre do verbo solemne e lapidario, o igualaba no espazo curto, na intimidade dos amigos, ou na complicidade do relato picaresco e retranqueiro».

A fundación chega a tempo para recuperar o seu arquivo persoal

Galicia asistirá o vindeiro ano a reedición das obras e a recuperación de textos e testemuñas inéditas de Carlos Casares, e boa parte desta tarefa recaerá na fundación que leva o seu nome, que leva varios anos a traballar na dixitalización e posta en valor do arquivo persoal do escritor. «Se o Día das Letras Galegas se lle dedicara uns anos antes seguramente non teriamos feito todo este traballo, pero agora si», sinala Gustavo Garrido, o secretario da institución.

Garrido advirte que tamén «hai que recuperar un feixe de textos inéditos que están por aí, desde conferencias a escritos de viaxes literarias. El escribía moitísimo e de forma moi dispersa, e estamos a recuperar este legado». O secretario da fundación dálle, ademais, un valor moi relevante aos artigos periodísticos de Casares, fundamentalmente os que escribiu en La Voz de Galicia, primeiro na sección de críticas literarias A ledicia de ler e logo na xa súa mítica columna A marxe, ca que moitos lectores empezaron a ler en galego. «Casares -di- ten un faceta importantísima como xornalista literario, que para nada é unha anécdota na súa obra». 

Unha débeda cumprida cun libro no que o limiao será un personaxe

O escritor Antón Riveiro Coello tiña desde o ano 1999 unha débeda pendente con Carlos Casares. Os dous son naturais de Xinxo de Limia e o por entón consagrado autor encargoulle ao seu colega máis novo que fixera un libro baseado en historias de personaxes peculiares da súa vila, aos que chamaban os tolos. Pasou o tempo e, por distintos motivos, a cousa quedou esquecida, ata que hai uns meses Riveiro recuperou a proposta, pero cun cambio sobre a idea inicial. O propio Carlos Casares íase converter nun personaxe literario de As ruinas do vento, a novela que estará lista a finais de este ano para publicar seguramente no 2017 nunha decisión que se tomou antes de que se soubera que o limiao máis emblemático fora elixido para honrar as Letras Galegas. 

«No 2017 vaise cumprir o 60 aniversario da publicación da obra de Carlos Vento ferido e eu tiña pensado facer coincidir a novela, inspirada na súa maneira de pensar, con esta efeméride para facerlle unha especie de homenaxe, porque sempre me tratou con moito agarimo e eu admirábao moitísimo. E, ademais, cumpría a miña débeda con el».