Luz Pozo mergúllase no labirinto borgiano a través da súa última obra «Rosa Tántrica»

«Este libro é moi especial pola idade que teño. Levo moito tempo traballando nel», conta a autora, que vai facer 94 anos


a cORUÑA / lA VOZ

Unha vez máis, a poeta ribadense Luz Pozo Garza ten moito que celebrar, porque a pesares de estar a piques de cumprir 94 anos, a autora presentou onte, no local Portas Ártabras, o seu último poemario, Rosa Tántrica.

A obra, composta por sesenta e tres poemas, é froito duns dez anos de traballo, malia que, como explica Olivia Rodríguez, mestra en Teoría da Literatura na Universidade da Coruña, «Luz foi traballando aos poucos e sempre de forma intermitente neste poemario, de feito sempre andaba a quitar poemas e a engadir outros no seu lugar». Tanto é así, que aínda ca alegría da publicación, «rematar con este libro, con este auténtico labirinto borgiano, supuxo todo un alivio para ela», puntualiza a mestra Rodríguez.

Deste xeito, o libro está dedicado principalmente á figura do escritor arxentino Jorge Luis Borges, e nel, Luz Pozo tenta buscarlle un sentido «á morte, e moi especialmente, á vida despois desta», explica de novo Rodríguez. Como colofón da obra, Luz Pozo atopa as respostas que buscaba ao escribir a obra: a eternidade é real.

Na presentación participaron dous dos grandes amigos da autora, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, que non dubidaron en felicitala polo traballo. Do mesmo xeito, tratouse dun acto cargado de grande emotividade, e no que as catro paredes do local Portas Ártabras quedaron pequenas para os moitos admiradores que onte se achegaron a felicitar á creadora. 

Sete décadas de historia

A publicación de Rosa Tántrica acontece tras varios anos de descanso por parte da autora, quen publicou Sol de medianoche, o seu último libro, no ano 2013. Porén, a propia poeta fala da obra coma «algo moi especial pola idade que teño. Levaba moito a traballar nela e isto significa que aínda podo discorrer», asegurou Pozo.

Case sete décadas pasaron dende que a creadora deu a coñecer Ánfora (1948), pero Pozo nega perder a forza e a teima «teño moitos, moitos proxectos aínda por levar a cabo», explica. E ademais dos proxectos de futuro, a autora recoñece que garda «moitos poemas sen publicar».

Votación
3 votos
Comentarios