Arturo Álvarez: «Fixen xoguetes e mobles por necesidade e unha guitarra de madeira por afección»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O artista relatou onte, na galería Vilaseco da Coruña, como xorden as súas ideas, desde os catro anos á actualidade

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu no medio rural galego e aí leva toda a vida. É un referente internacional do deseño polas súas luminarias -«estou vivindo da iluminación»-, con traballos en museos de arte de Londres, Tokio ou New York. Despois dunha semana nunha cidade acaba angustiado. Non usa teléfono móbil. A súa empresa (con 16 traballadores) está tamén no ámbito rural: San Miguel de Sarandón, en Vedra. Arturo Álvarez (A Estrada, 1964) participou onte no ciclo 12 Miradas: Riverside, na galería Vilaseco da Coruña. Alí, nunha iniciativa impulsada pola galería e a Corporación Hijos de Rivera, expón unha ducia de obras nas que trata de dar resposta a unha pregunta: ¿de onde veñen as ideas? Foi algo do que tamén falou na tarde de onte na súa conversa co público asistente.

-¿De onde veñen as súas ideas?

-Fixen un recorrido con todos os materiais que veño usando desde que teño catro anos. Sempre vivín nun entorno rural e fixen todos os xoguetes que tiven ata que fun maior. Todo ese traxecto relacioneino coas ideas e cos materiais que eran sempre os do meu entorno.

-¿Que materiais?

-Coas cortizas das árbores, os froitos ou a madeira ía facendo xoguetes. Eu veño dunha familia moi humilde e non tiñamos poder para mercar esas cousas, así que buscaba como facer os xoguetes, facer mobles e ata facer a miña casa. Analizando iso foi o que me permitiu ver que se tivera poder para mercar xoguetes todo sería diferente.

-¿Foi a necesidade a que o empuxou a facer esas cousas?

-Desde os catro anos ata os vinte e pico estiven traballando e facendo cousas con eses materiais, tiña necesidade desas cousas. Eran os anos 80 e a música era moi importante para min. Daquela tamén pintaba as camisetas e os zapatos. Moitas veces eran necesidades, pero outras era inquietudes.

-¿Como é iso de que pintaba os zapatos?

-Estaba de moda o punky e os zapatos de plataforma. E fabriquei uns así, pegueinos con gomas e fixen de dous pares un par. E despois pinteinos ao meu gusto.

-¿E as camisetas?

-As camisetas foi unha das primeiras cousas que fixen. Cunha pistola eléctrica manipulada para que non pintara demasiado ben e con pintura de obra...

-Pero iso, ¿non rascaba?

-Se ías á moda aínda que chegase un pouco á pel... non pasaba nada [risas]. Levaba os Clash ou os Rolling. Aquela era unha explosión de creatividade.

-¿Son as lembranzas que máis o marcaron?

-Si, fixen anotacións das cousas que me quedaron marcadas. Analizando todo, e vendo de onde sae, penso que moita culpa foi do meu avó, que tiña oito ou nove fillos e facía os zocos, os apeiros de labranza... e ata a casa. Tería 13 ou 14 anos cando fixen un pau de golf dunha estaca; e iso era relativamente fácil.

-¿Xoga ao golf agora?

-¡Non! Aquilo era ter a idea de facer algo. A música tirábame moito e fixen ata unha guitarra de madeira, superpintada, imitando a unha guitarra eléctrica. Ademais, antes de facer esas cousas tiña que fabricar as ferramentas.

-¿Como chegou as lámpadas?

-Chegou un material ás miñas mans que me gustaba moito como era o vidro. E de vivir con creatividade pasei a vivir da creatividade, ao cen por cen, confiando plenamente no que estaba facendo. Eu e máis a miña muller, que é unha das partes importantísimas disto. Eu podo propoñer ideas e ela é a que fai toda a comercialización da empresa. Empezamos con lámpadas tipo Tiffany, simplificamos o deseño, os volumes e a cor. Despois de dez anos traballando con este material, estaba cansado e un día cambiei o chip: esa mesma semana empecei a traballar con outros materiais do meu entorno.