Galicia festexa hoxe as súas letras na poderosa voz poética de Manuel María

redacción / la voz

CULTURA

edgardo carosia

A Academia celebra en Outeiro de Rei o acto central dedicado ao escritor chairego

17 may 2016 . Actualizado a las 12:58 h.

«Galicia somos nós: a xente e mais a fala. Se buscas a Galicia en ti tes que atopala!». Os versos de Manuel María que locen no convite que a Real Academia Galega cursou para a súa sesión extraordinaria hoxe en Outeiro de Rei na honra do escritor cobran todo o seu sentido nunha xornada festiva na que o país celebra a súa lingua e a súa cultura a través dos versos do escritor chairego. Ao longo de todo o día os actos de todo tipo -literarios, pero tamén musicais, deportivos ou artísticos- multiplicaranse polas catro provincias -e nas comunidades da diáspora-, aínda que terán o seu epicentro na localidade natal do poeta, Outeiro de Rei.

Ás 12.30 horas de hoxe a Real Academia Galega comezará na vivenda onde naceu Manuel María, coñecida como Casa de Hortas e que hoxe acolle a súa fundación e museo, a sesión extraordinaria aberta ao público para honrar ao escritor. Intervirán os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana nun acto que pechará o seu presidente, Xesús Alonso Montero, e que contará coa música da banda Sons e Soños.

Non será o único lugar con vinculación biográfica a Manuel María que estará hoxe de festa. En Reigosa, A Pastoriza, de onde é natural Saleta Goi, compañeira do escritor, celebrarase pola tarde unha cun recital de poemas e cantos tradicionais. En Monforte, onde ambos os dous viviron case corenta anos e rexentaron unha librería, está programado un concerto ás 20.00 horas a cargo da coral polifónica e o grupo Xograres de Lemos na Casa da Cultura, onde se pode ver unha mostra sobre a presenza do autor na cidade.

Na terra da avoa

En Quiroga, a terra natal da súa avoa Consuelo Casanova e á que lle dedicou o libro Sonetos ao val de Quiroga, a Casa da Cultura pasará a chamarse co nome de Manuel María, co descubrimento dunha placa ás 12.45 horas. Pola súa banda, en Sarria (Casa da Cultura, 20.00 horas) a actividades elixida para lembrar ao escritor é un recital poético, musical e teatral. Participan a asociación Peleriños, alumnos do curso de acordeón de Sarricanta, o grupo de teatro Rebuldeira e a coral Sarricanta. Complétase co programa Musiqueando Pingarela, do grupo de música tradicional.

De volta na Chaira, o museo do Castro de Viladonga celebrará un concerto folk ás 18.00 horas co grupo Leña Verde, mentres que en Vilalba ás 16.00 horas arrancará a carreira Letras Galegas. Ás 20.00 horas no auditorio, o mesmo lugar onde no 2003 Manuel María ingresou na Academia cun discurso dedicado á relación entre a poesía e a paisaxe da Terra Chá, está previsto un festival no que se entregarán premios dun certame convocado polo concello.

Concerto de Milladoiro

Por último, A Coruña, a cidade onde Manuel María viviu os derradeiros anos e faleceu no 2004, acolle o Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega (Teatro Rosalía, 21.00 horas) no que Milladoiro poñerá música aos versos do escritor, ademais de interpretar algúns temas da longa traxectoria do grupo.

No 2007 o conxunto publicou o disco Unha estrela por guía, no que os seus veteranos compoñentes homenaxeaban a Manuel María coa adaptación de varios textos de libros como Sonetos á Casa de hortas ou Cancións do Lusco ao Fusco. Na actuación de hoxe Milladoiro contará coa presenza de dous bailaríns convidados, Jesús Quiroga e Eva Faraldo, para completar a homenaxe ao escritor. O concerto celebrarase co aforo completo, xa que se esgotaron as localidades, gratuítas, para acceder ao Teatro Rosalía.

Un longo programa de actos espallados por Galicia e mais a diáspora

Sendo como foi Manuel María un dos poetas máis musicados da literatura galega, é lóxico que os concertos sexan unha das actividades con máis presenza no día de hoxe.

Na Cidade da Cultura haberá un espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, video-creacións e un obradoiro de rap. As actividades comezarán ás 10.00 horas. En Ferrol, será o cantautor Xoán Eiriz (praza de Rosalía, 12.00 horas) o encargado de lembrar a Manuel María.

En Pontevedra (praza Curros Enríquez, 19.30 horas) tamén haberá un recital poético e música coral e de banda. Media hora antes está programado un recital de Eva Méndez do Roxo na igrexa de Santa María de Xeve, parroquia de onde partirá ás 10.30 horas unha camiñada na que se lerán poemas de Manuel María. En Narón, ás 10.00 partirá da praza da Gándara a Primeira Andaina polas Letras.

No Carballiño, onde se reeditou o libro que Manuel María escribiu sobre a comarca, Cantigueiro do Orcellón, percorrerán o roteiro Manuel María. Tamén en O Barco se volveu editar o Cancioneiriño de Valdeorras, que se repartirá ao festival (Praza Maior, 20.00 horas) de música, teatro e baile. E en Barbadás, ás 19.00 horas a Casa da Cultura acollerá o acto polo que pasa a chamarse co nome do poeta.

En Boiro, o pazo de Goiáns é escenario da romaría das Letras no Barbanza, onde entre outros libros se presentará Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas, e ás 16.00 haberá un recital de poemas de Manuel María. En Lalín as actividades arrancan cunha sesión vermú con Poetarras, e rematarán co concerto de Noite Fechada na praza da Igrexa. En Carballo haberá unha lectura colectiva (xardín municipal, 11.00 horas) de Manuel María e no Couto segue a programación do Festiletras.

O CDG, de portas abertas

Ademais das actividades máis literarias e musicais, haberá outras como as xornadas de portas abertas no Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego. Haberá visitas guiadas e sortearase entre os asistentes lotes de libros do premio Manuel María de literatura dramática infantil.

En Vigo, o mercado do Calvario convértese, de 11.00 a 22.00 horas, no Mercado da Arte, que fará fincapé nos artistas locais.

E en Buenos Aires, o colexio arxentino-galego Santiago Apóstol celebra o seu acto institucional.

Con información das delegacións de La Voz de Galicia.

Dos estudantes desenvolven unha aplicación sobre o poeta

As letras galegas teñen unha presenza habitual e cotiá en Internet, onde se lle tira partido ás posibilidades que ofrecen as novas ferramentas dixitais. Un eido que non está acoutado a profesionais, senón que ve como xorden todo tipo de iniciativas. Por exemplo, a de dous estudantes universitarios. Carlos Cortés e Brenda González cursan deseño e desenvolvemento de videoxogos e xornalismo, respectivamente. Veñen de poñer en marcha unha aplicación no enderezo letrasgalegas.es que presenta unha sucesión de dez versos: o usuario debe tocar a pantalla se cre que o verso é de Manuel María. O xogo vai dando unha breve información de cada un dos poetas incluídos e ata o de agora xa recompilou uns trescentos versos.

Uns versos en papel de tabaco

jamy corral

A poesía formaba parte indisoluble da vida de Manuel María. Tanto, que calquera momento, lugar e soporte eran bos para escribir uns versos. No restaurante Galicia, en Baamonde, un deses cruces de camiños da Chaira que percorreu o escritor, gardan un poema que Manuel María lle dedicou a Xoán Corral, o propietario do establecemento e unha das persoas máis coñecidas e queridas da comarca, falecido no 2012. Están escritos no papel do interior dunha caixa de tabaco e din así: «Lembro unha noite de vran, ela miraba as estreliñas, e eu as herbiñas do chan».