A modernización da cultura das Irmandades «sigue sendo necesaria»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Henrique Monteagudo lembra que son «afilladas» da RAG e salienta o seu legado

17 may 2016 . Actualizado a las 11:32 h.

«Toda afirmación gallega tiene que asentarse en el lenguaje autóctono -pues de otra suerte carece de realidad-, aquí veréis si es o no urgente arribar a la creación de una Liga de Amigos del Idioma». Isto escribía Antón Villar Ponte en La Voz de Galicia o día 5 de febreiro de 1916. Era un dos artigos que, baixo o lema Con letra del siete, escribía habitualmente neste xornal. Pero aquel texto, que levaba por título El cimiento de la afirmación gallega, daría lugar a unha xuntanza, fai mañá cen anos, na que se constituiría a primeira Irmandade dos Amigos da Fala. Convocados por Villar Ponte, vinte persoas, entre elas Manuel Lugrís Freire ou Uxío Carré Aldao, acudiron a un encontro que tivo lugar na que entonces era a sede da Real Academia Galega, no número 36 da rúa Rego da Auga, da Coruña. Por iso, o actual secretario da RAG, Henrique Alvarellos, apuntaba que as Irmandades «son afilladas da Academia».

Para Monteagudo, as reivindicacións das Irmandades da Fala seguen sendo necesarias: «É tanto, xa que marcan a modernización da cultura galega e para iso o idioma era algo fundamental». Neste senso, lembra que o das Irmandades «foi un movemento urbano e vilán para a reivindicación do idioma».

Para Mercedes Queixas, o colectivo impulsou «a primeira iniciativa de normalización da nosa lingua». Dicía isto nun roteiro polos lugares da Coruña vencellados ás Irmandades, como o número 36 da rúa Real, onde tiña Ánxel Casal a súa imprenta.

De tódolos xeitos, Monteagudo lembraba tamén outras iniciativas culturais das Irmandades como as vencelladas coa música o con publicacións como Nós ou A Nosa Terra. Sobre esta última comentaba a curiosidade de que cando empezou a ser o voceiro das Irmandades na redacción da mesma empezaron a chegar textos poéticos. Unha nota dos responsables da publicación daba conta de que non gustaban moito da lírica, xa que entendían que A Nosa Terra era unha canle para dar a coñecer a realidade galega e «os problemas de Galicia non caben en oitavas reais».

Monteagudo apuntou que a Academia Galega ten previstos diversos actos. O primeiro deles terá lugar mañá, no teatro Rosalía da Coruña ás 20.30 horas, pero «non quixemos adiantalos antes para que non fixeran sombra aos do Día das Letras Galegas».

A Asociación da Prensa da Coruña escolma textos de Villar Ponte e sobre o colectivo

Nas filas das Irmandades da Fala militaron numerosos xornalistas, moitos deles membros da asociación provincial coruñesa. Este colectivo vén de publicar un volume que achega información de primeira man sobre como se vivía a reivindicación a prol do idioma entre os membros das Irmandades.

Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala, coordinado por Adriana Rodríguez Eiroa e Cristóbal Atienza Gutiérrez e publicado pola Asociación da Prensa da Coruña, reúne vinte e cinco textos entre os que se contan os irmáns Villar Ponte, Valentín Lamas Carvajal, Castelao, Ramón Otero Pedrayo ou Aurelio Ribalta. Son testemuños directos das arelas e reivindicacións dos participantes naquela importante iniciativa cultural e política do nacionalismo galego de comezos do século pasado. Entre eles figura El cimiento de la afirmación gallega, co que Antón Villar Ponte senta o xermolo para a creación das Irmandades.

O volume inclúe tamén unha detallada cronobiografía de Antón Villar Ponte, a cargo de Emilio Xosé Ínsua, especialista no escritor e xornalista de Viveiro e mais na historia das Irmandades, así como reproducións das revistas orixinais e caricaturas de Siro López.