O cinema de animación protagoniza o Galician Film Forum de Londres

Redacción LA VOZ

CULTURA

Fernando Cortizo, director de  O Apóstolo
Fernando Cortizo, director de O Apóstolo Álvaro Ballesteros

No King's College da capital británica proxectaranse "O Apóstolo" e a curta "Historia cerebro"

09 may 2016 . Actualizado a las 19:00 h.

O Galician Film Forum de Londres chega á súa cuarta edición, desta vez dedicada ao cinema de animación. O vindeiro venres día 13 celébrase a sesión no King's College da capital británica (19.00 horas; Strand Room S-2.08), na que se proxectará o filme O Apóstolo, de Fernando Cortizo, e mais a curta Historia cerebro, de Borja Santomé. Este último director, residente en Londres, participará nun coloquio posterior ao pase das películas, mentres que Cortizo intervirá por videoconferencia.

Ao igual que nas anteriores edicións destes encontro, ambas as dúas películas proxectaranse en galego con subtítulos en inglés. A entrada é gratuita, aínda que hai que reservar con antelación. A información necesaria atópase en facebook.com/GalicianFilm.

O Galician Film Forum naceu no 2015 promovido por un grupo de galegos emigrados a Londres, co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego.