Galicia recupera ao galego José María Cao, patriarca da caricatura arxentina

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Unha exposición deste humorista gráfico, que influíu moito en Castelao, percorrerá sete localidades

05 may 2016 . Actualizado a las 09:34 h.

«Este home ten que ser tan coñecido en Galicia como Castelao, e senón será unha inxustiza, entre outras razóns porque Castelao se fixo debuxante grazas a Cao». A frase, doutro gran humorista plástico e xornalista, Siro López, reivindica a figura de José María Cao Luaces, un galego emigrado a Arxentina que se converteu a finais do século XIX e primeiros do XX no mellor debuxante humorista deste país, nunha época na que rebulía de talento e caricaturistas.

Para tratar de emendar o grande descoñecemento que hai en Galicia desta figura, a Consellería de Cultura, en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, acaba de inaugurar unha mostra de José María Cao na biblioteca Ánxel Casal de Santiago, que percorrerá ata o vindeiro 20 de decembro outras seis localidades, Pontevedra, Ourense, Lugo, Melide, A Coruña, e finalmente Cervo, concello natal de Cao Luaces.

A mostra fai unha escolma de case corenta caricaturas das súas distintas etapas, xa que se ben tivo unha primeira fase máis revolucionaria no xornal semanal Don Quijote, na que os seus debuxos eran litográficos, despois tivo outra como caricaturista social ao fronte de Caras y caretas, unha das máis prestixiosas publicacións humorísticas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou na inauguración da mostra que «a calidade da súa obra, o seu talento, o seu estilo e a súa mordacidade quedan reflectidas nesta escolma de obras». Siro López, presidente do Club de Prensa de Ferrol, apuntou que a mágoa é que debendo ser o creado do humor gráfico moderno en Galicia, tívoo que facer en Arxentina, onde Castelao vía e copiaba os seus debuxos de Caras y caretas cando a revista chegaba a casa dos seus pais na Pampa.

Galeguista, masón, arriscado e cunha enorme conciencia ética

Cao Luaces naceu en Cervo e marchou con 23 anos cara a Arxentina. Nunca volveu á súa terra, pero desde o outro continente bregou polo Centro Galego de Bos Aires, creou bibliotecas «e traballou para devolver a dignidade do galego», di Siro López. Chegou a ocupar altos cargos na masonería e foi un home refinado culturalmente cunha grande admiración por Eduardo Sojo, o director da revista Don Quijote, pola súa defensa da liberdade e da xustiza que o enfrontaron aos poderosos coas súas caricaturas. Tamén o fixo José María Cao Luaces, ata o punto de que estivo en perigo de morte varias veces.

 Os seus traballos de humor gráfico evolucionaron da litografía á acuarela, pero nunca se sentiu cómodo na chamada caricatura modernista, o que fixo que Castelao o criticara. Aínda que Luís Seoane lle dedicou un opúsculo e Siro López escribiu unha ampla biografía, é unha figura de sona internacional que ata o de agora non tivo o recoñecemento que merece, «algo que non ten nin pés nin cabeza, cando falamos dun artista da categoría de Castelao», remata López.