A calidade da literatura galega

Olivia Tudela TRIBUNA

CULTURA

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 23 de abril, a Asociación Española de Críticos Literarios deu a coñecer en La Palma os Premios de la Crítica. A cultura na illa Bonita emerxe aquí e acolá co notable apoio oficial, nunha suma de coincidencias que é raro atopar no mundo político. Antonio Abdo, Lucía Rosa González, Ricardo Hernández, Maiki Martín e Anelio Rodríguez foron algúns dos escritores con que nos reuniu Nicolás Melini, o noso anfitrión literario, xunto con Anselmo Pestana, presidente do Cabildo insular. A xeira de traballo viuse completada pola conferencia sobre don Quijote do presidente da AECL, Ángel Basanta, en La Investigadora, outrora templo masónico dunha illa que foi enlace de sabedorías entre o vello e o novo continente. E pechou cun encontro sobre a literatura española no século XXI, con José Luis Martín Nogales, Xelo Candel, Fernando Valls e Paco Díaz Castro, coordinados por Melini.

Acompañados polas pegadas galego-portuguesas no léxico cotián da illa, celebramos a calidade dos dous títulos que a Asociación Galega da Crítica propuxo para o ditame: O deserto de María do Cebreiro e O último día de Terranova de Manuel Rivas. Á beira das suscitadas polos outros premiados: os poetas Gemma Gorga, Juan Kruz Igerabide e Ángeles Mora; e os narradores Martí Domínguez, Ramón Saizarbitoria e Cristina Fernández Cubas, houbo abondas preguntas sobre a literatura galega, seica pola presenza de seareiros do escritor que por cuarta vez gañaba o Premio de la Crítica en galego. Sobre o peso da memoria na narrativa, por exemplo, pois a obra narra unha historia de conivencia entre as ditaduras española e arxentina. Ou sobre se non lle pagaría a pena a Rivas escribir en castelán para gañar lectores. A resposta foi poñer o dedo no paradoxo: ¿non é xa o noso autor máis internacional desde a lingua galega? ¿Atreveríanse a facer a mesma pregunta sobre Vargas Llosa en relación co idioma inglés?

María do Cebreiro leva case vinte anos de creación en paralelo cunha interesante produción ensaística arredor do fenómeno poético. Sen abandonar de todo a súa anterior liña intelectualizada, en O deserto explora novas vías de acceso ao lector, combinando estrutura poética con notas a rodapé e imaxes artísticas das que se apropia para ofrecer sensacións e ideas cun misticismo de corporeidade suxestiva. Non deixa de estar presente a reflexión sobre a soidade, os afectos e as carencias da sociedade nun libro confeccionado de maneira moi orixinal por Apiario, editora de exitosa traxectoria.

O último día de Terranova (Xerais) ofrece unha nova versión da marca novelística de Rivas: a construción de micromundos narrativos conectados entre si por fíos invisibles. O punto de cohesión gravitacional é Terranova, librería a punto de desaparecer pola picaraña da especulación na cidade literaria por antonomasia en Rivas, con A Coruña como referente real. O nome de Terranova e o final optimista abren unha porta á posibilidade de cambio dun sistema que condena ao baleiro a existencia dos seres libres. Periodismo e lirismo están presentes nunha obra que, desde Galicia e Argentina principalmente, transcende o local para narrar, unha vez máis, a historia universal da infamia.