Pirilampo e Fran Amil poñen música á poesía de Manuel María

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ivan r

«Teatro de guiñol» e «A voz do vento» achegan os versos do autor chairego a sons como os do rock, o funk e o blues

23 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Manuel María é o poeta galego máis cantado, xunto con Rosalía, Curros e Celso Emilio». A afirmación de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, o día que a institución acordou dedicarlle este 17 de maio ao escritor chairego, tiña tanto de confirmación dunha obxectividade como de vaticinio futuro. Xa son dúas as novidades que veñen de poñerlle música á poesía do autor homenaxeado no Día das Letras deste ano.

A voz do vento (A Mesa pola Normalización Lingüística) é un libro-disco que reúne once composicións de Manuel María, confrontadas con outras tantas ilustracións de Jano, xunto cun cedé de Fran Amil e a tribo incomprensíbel. Amil, cunha longa traxectoria musical ás súas costas, destaca que tanto a musicalidade de seu dos versos como a «capacidade de evocación, que fai visible o que está contando o poeta, mesmo o máis abstracto», contribuíron a facer do seu traballo unha experiencia máis doada e tamén gozosa.

«A paisaxe, a terra, o pobo, a lingua, a historia» son temas que se atopan nestas obras de Manuel María, dotadas dun valor universal que ao mesmo tempo fai posible achegalas a diferentes estilos musicais, dende o rock ao funk, pasando polo blues.

Este último xénero foi o elixido por Amil para A nosa historia, que emparenta o laio dos negros norteamericanos co «dos galegos que tiveron que emigrar, pero que tamén é un berro de orgullo». Neste sentido, Amil cre que a lírica de Manuel María vai máis alá do seu contexto para resoar nos oídos de hoxe, xa que «hai cuestións que seguen a ser moi actuais», e que captarán a un novo público, mozo, obxectivo da obra.

Paisaxe e natureza

Pola súa banda, Pirilampo, especializados en música infantil en galego, son os responsables de Teatro de guiñol (Galaxia), un libro-disco ilustrado por Iván R. e con música do propio grupo, que escolleu pezas dos libros As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola e Terra Chá. «Cada vez que se pousaban nun poema nacía unha canción», escribe no libro Xurxo Souto, quen tamén canta en A voz do vento.

Pirilampo achegan os versos de Manuel María á vertente máis paisaxística e vinculada á natureza da súa obra, como son os temas titulados O vento, A neve, O galo e Anduriñas; outros tamén fan referencia á xeografía íntima e poética do escritor, como son O meu cuarto e Poemiña do señor regato do Cepelo. Tampouco falta unha reivindicación do idioma, A fala.

Tamén coinciden nas novidades dúas achegas biográficas. Mercedes Queixas Zas asina Labrego con algo de poeta (Galaxia), que arranca na Casa das Hortas natal para percorrer a vida e a obra do escritor ata o seu pasamento na Coruña no 2004. Manuel Veiga Taboada propón Manuel María, buscando un país (Xerais), con ilustracións de Víctor Tizón, no que acada unha interpretación sintética da súa vida e obra. Veiga, con Xosé Lastra, tamén preparou a escolma Vida, versos e rebeldía (Xerais), ilustrada por Nuria Díaz.