O cine documental galego consolida a súa visión global e anovadora do xénero

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Play-Doc programa filmes que retratan temáticas internacionais vistas dende Galicia

17 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova xeración de cineastas galegos -no sentido cronolóxico, non tomados como grupo homoxéneo- están a abordar o documental dende unha perspectiva globalizadora e á que se engade unha visión por anovar o xénero. O festival de documentais Play-Doc, que celebrará en Tui a súa décimo segunda edición entre o 13 e o 17 de abril, testemuña ese bo momento polo que pasa o novo documentalismo galego: nunca antes recibiran tantas propostas e de tan alta calidade. O resultado é a programación de dez películas, unha na sección oficial -Non hai vacas sobre xeo, de Eloy Domínguez Serén- e as outras nove no apartado titulado Galicia.

Nesta sección coinciden cineastas galegos que converten no seu escenario de traballo o globo no seu sentido máis amplo, incluída Galicia. Keina Espiñeira segue en Tout le monde aime le bord de la mer a un grupo de emigrantes que intentan cruzar o estreito de Xibraltar para chegar a España; o xurado do Festival de Róterdam seleccionou a súa cinta como finalista para os Premios do Cinema Europeo. David Varela aborda o conflito palestino-israelí en Freedom to Kill the Others?s Children, mentres que de Alberte Lobelle se verá Den Pobedy, que toma o seu nome do Día da Vitoria nas repúblicas exsoviéticas e que vincula á situación actual en Ucraína. Iván Castiñeiras volve ao Play-Doc con Où est la jungle?, producida polo Le Fresnoy francés e que se achega ao Amazonas para pescudar no impacto do home branco nas tribos indíxenas. En Os días afogados César Souto e Luis Avilés regresan á vila ourensá de Aceredo ao emerxer das augas do encoro de Lindoso que a asolagou. Pola súa banda, Helena Girón e Samuel L. Delgado tratan a bruxería en Sin Dios ni Santa María e Xacio Baño arma Eco a partir duns diarios atopados nunha mudanza.

Contrafaces, de Fon Cortizo, céntrase nas figuras da poeta canadense Erín Moure, autora de obra en galego, e de Elías Portela, un cangués que co apelido Knorr escribe versos en islandés. «É unha historia cen por cen galega e á vez internacional», é como a describe o director, a quen o traballo lle serve para reflexionar sobre o idioma como «cimento da cultura», os procesos de creación poética e a propia linguaxe do documental, a través dos xogos entre realidade e ficción que propoñen os álter egos de Moure e Portela. «Dende hai tempo que o documental é o xénero que abarca máis, que permite máis innovación e experimentación, é moi flexible», analiza Cortizo, quen sostén que o Play-Doc é o lugar idóneo para amosar estes traballos, xa que ten «un público afeito a estes retos narrativos».

Co seu diagnóstico coincide Andrea Vázquez, quen cre que existe en Galicia un público cunha «cultura audiovisual enorme», espello dunha xeración de cineastas cuxo traballo se beneficia dos custes menores e a comunicación global que trouxo a dixitalización, a xuízo de Cortizo. En A imaxe reb/velada, Andrea Vázquez documenta os tres últimos anos de vida do pintor e fotógrafo lugués Baldo Pestana, emigrante dende os 4 anos e que viviu en América Latina e París. Un traballo no que se ve «reflectido o mundo enteiro pero visto dende aquí», e que mestura reportaxe con outras linguaxes cinematográficas. A súa directora traballa nun proxecto colaborativo para crear unha distribuidora que busque resolver un dos problemas aos que se enfrontan estes cineastas: conseguir que o gran público vexa os seus filmes.