O ano dedicado a Castelao arranca con novas edicións do seu humor gráfico

x. f.

CULTURA

Galaxia edita os seis libros de «Cousas da vida» e mais «Cincuenta homes por dez reás»

23 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case cen anos Castelao comezou a publicar no xornal Galicia as viñetas que ao cabo se agruparían baixo o título xenérico de Cousas da vida. Dende entón Galicia mudou moito, mais o humor de Castelao non perdeu nin un chisco da súa vixencia. Algúns dos seus debuxos son testemuño do seu tempo, pero a situación que retratan segue a cravarse na retina do espectador grazas á súa finura, concisión e, en moitos casos, retranca. E logo están as viñetas centradas na atemporalidade da alma, dende os sentimentos ata as ilusións: esas asombran igual que o primeiro día.

Poderán comprobalo os lectores do século XXI nas novas edicións de Editorial Galaxia. Cousas da vida aparece en cinco volumes, divididos por temas: Animais, Nenos, Mulleres, Vellos e Caciques. A estes tomos súmase tamén Cincuenta homes por dez reás, que apareceu en 1925, en vida do seu autor, mentres que os de Cousas da vida foron agrupados e publicados na década dos sesenta.

A proposta de Castelao segue o mesmo esquema: un debuxo de liñas claras e sinxelas que sintetiza unha escena que se completa cun breve texto. Tanta ilustración como texto manterían o seu valor por separado, pero é a súa conxunción a que produce un resultado maior que a súa suma. Na súa brevidade e aparente sinxeleza, as viñetas actúan coma un iceberg: agochan unha verdadeira carga de profundidade. Un bo exemplo é unha das ilustracións do álbum dedicado aos nenos, no que un meniño chora porque na escola sempre lle preguntan o que non sabe: a retranca ao servizo da crítica a un labor que debería ensinar o que non se sabe e que na realidade fai todo o contrario.

Exemplos requintados

Os debuxos de Castelao tamén son un exemplo requintado de como o galego prefire moitas veces evitar o enfrontamento directo pero sen renunciar a dicir, con ironía, o que pensa. Disto mesmo dan fe algúns dos diálogos a pé das ilustracións. «Se fose rica quereríasme máis», di unha muller. «Non tiña por que quererche menos», é a resposta que recibe. Ou esta escena de taberna: «Que che parece o meu viño?». «Por onde vai molla, e como refrescar, refresca». Calquera das dúas non resultan difíciles de trasladar a un contexto actual.

Con todo, Castelao tamén varía o seu enfoque en función da natureza do retratado. Os caciques son abordados tal e como son e o que representan na engranaxe social da Galicia de comezos do século XX. Os nenos, en cambio, son obxecto dunha ollada piadosa, consciente da perda de inocencia que sofren nun tempo no que deben facerse adultos á forza moitas veces por necesidade deles mesmos ou da súa familia.

130 aniversario

Estas publicacións chegan xusto cando está a piques de comezar o ano dedicado a Castelao, no que se celebra o 130 aniversario do seu nacemento e a súa figura foi elixida pola Academia Galega de Belas Artes para ser homenaxeada no Día das Artes Galegas. Pontevedra, a través da súa Deputación, desenvolverá un amplo plan de actividades, e que terá no Museo na capital un dos seus principais focos, xa que Castelao foi un dos seus membros fundadores e alí se poden ver moitas das súas obras. Tamén se celebrarán os 75 anos da estrea da obra teatral Os vellos non deben de namorarse.