O libro póstumo de Neira Vilas, unha visión coral da vida aldeá

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Definiu «Romaría de historias» como «novela de retrincos»

16 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro, nunca deixou de escribir. Tanto foi así que estaba prevista a súa participación na presentación da súa nova obra, un acto que finalmente se celebrou onte en Santiago e que fai de Romaría de historias (Galaxia) o seu libro póstumo. O autor non estivo fisicamente, mais si en espírito na conversa que mantiveron a súa sobriña María Xesús Neira; Luís Reimóndez, vicepresidente da Fundación Neira Vilas e a quen está dedicado o libro; o crítico Armando Requeixo e o editor Víctor Freixanes. Este último lembrou onte como Neira Vilas escribía polas noites e logo á mañá seguinte chamaba á editorial: «Avancei moito».

O resultado é un texto no que o escritor volve botar man dunha técnica que xa empregara en 1973 en Remuíño de historias, que armaba un retrato colectivo da emigración galega en Buenos Aires. Agora a intención era, como anticipa a cita inicial de John Berger, acadar «unha imaxe colectiva do noso mundo aldeán, dabondo descoñecido». Esta «novela de retrincos», como a definiu o propio Neira no limiar, enfía breves narracións con distintos protagonistas, e que conflúen nunha visión coral afastada do costumismo e que, pola contra, se fornece de mitos, realismo, humor e retranca. «É un libro moi moderno», confirma Freixanes, propio dun escritor cunha obra «máis rica e complexa do que parece, e dotado dunha gran ambición estilística». Para o editor, e compañeiro de Neira Vilas na Academia Galega, é significativo que o escritor, que finou pouco despois de facer os 87, entregase nos últimos anos dúas das súas obras máis persoais e ambiciosas, Esperando o leiteiro, no 2012, e esta Romaría de historias, da que remitiu o manuscrito catro meses antes do seu pasamento. Aínda puido deixar outro libro a medias: O soño do vello mariñeiro.