Unha fotobiografía de Piñeiro presenta ao galeguista «en andamento» 

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

CULTURA

Henrique Monteagudo fía nunha obra cartas do autor no centenario do seu nacemento 

10 dic 2015 . Actualizado a las 13:58 h.

Non hai unha biografía de Piñeiro, un galeguista que formou parte da transición e o inicio da autonomía en Galicia, implicado na resistencia clandestina ao franquismo e que entregou toda a súa vida «a facer país». De aí a inquedanza de poñer en marcha unha obra deste tipo no centenario do seu nacemento. Henrique Monteagudo, sociolingüista e secretario da Real Academia Galega, foi o encargado de debullar unha fotobiografía, que aínda non biografía, fai unha ensamblaxe das entrevistas do autor desde 1962 en adiante baixo o título «A vontade da intelixencia». A Fundación Penzol e a editorial Galaxia publican esta obra que se presentou no Consello da Cultura Galega no marco dunhas xornadas sobre Piñeiro e Koldo Mitxelena.

Monteagudo sinalou a súa intención de presentar a un Piñeiro «en andamento, que se vai construíndo», e explicou como mentres nas entrevistas atopadas hai moitísimas referencias ao papel do galeguista na Transición, apenas se lle pregunta polo seu papel na editorial Galaxia. «Unha das partes difíciles foi a resistencia clandestina, xa que non hao fotos nin documentos. Con Mitxelena, por exemplo, so hai fotos con el na cadea», dixo Monteagudo. 

Feita xa esta síntese da biografía nunha obra plagada de documentos gráficos, o autor explicou que «xa estamos preparados» para unha publicación sobre a súa persoa. Ao acto tamén asistiu a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como o presidente do Consello, Ramón Villares.