«O pésame é para todos os Balbinos que perderon o seu cronista»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Alonso Montero foi o encargado de despedir a Neira Vilas en Bonaval

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega (RAG), foi o encargado de despedir a Neira Vilas na compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval, onde permaneceu instalada durante 22 horas a capela ardente para honrar ao «xornaleiro das palabras», como se definía a si mesmo o autor de Memorias dun neno labrego. Ambos os dous eran da mesma quinta. De novembro de 1928, subliñou Alonso. Un, fillo dun labrador; outro, fillo dun labrego.

Entende o presidente da RAG que con falecemento de Neira Vilas, máis que á familia, máis que aos amigos e camaradas cubanos, a quen cumpría darlle o pésame era a Balbino, o seu personaxe inmortal. «O pésame é para todos os Balbinos que perderon o seu cronista», relatou Alonso Montero nunha cálida intervención, que axudou a quecer a desanxelada atmosfera de Bonaval.

Para o escritor dezao tamén tivo palabras agarimosas o cónsul xeneral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, que lembrou que a illa caribeña era a «patria paralela» de Neira Vilas, a terra nai da súa muller, Anisia Miranda, falecida hai seis anos. Cuba e Galicia unidas da man dun escritor lúcido feito a si mesmo, «que non estudou nin o Bacharelato», lembrou Alonso Montero, que engadiu que compensou a partir de 1956 en Bos Aires coas leccións aprendidas nunha institución libre de ensinanza de moitos eruditos do exilio.

Así foi lembrado o autor do libro máis lido das letras galegas. E tamén foi cantado, moi pertiño das instalación do Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan Castelao e Rosalía de Castro. Cantado coa súa propia letra polo músico Roi Casal e a guitarra Manu Conde. Interpretaron por primeira vez en público a peza Amor cubano, escrita polo propio Neira en lembranza da súa querida Anisia. Teño un amor en Cuba/ nesa linda terra/ unha muller bonita/ alegre e sandungueira, reza o estribillo.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que coincidiu en Bonaval co seu predecesor no cargo, Emilio Pérez Touriño, despediu onte a Neira, poñendo en valor a súa figura como «guía da cordialidade galega».