Pepe

María Canosa

CULTURA

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Podía facer soar o teléfono ás oito da mañá coma se nada. Ola, son Pepe! -soaba con forza. E a miña nai ou a min, se me tocaba coller, pintábasenos un sorriso na cara. Non pasaba nada, era el. Tanto precisaba o contacto dun coñecido común coma preguntar por aquel libro do que falamos unha vez... como era? Así era D. Xosé Neira Vilas, Pepe. Natural ao extremo. Sen dobreces, sen pregos, tan só engurras nas mans, na pel, pola volta dos ollos... non na alma, que mantiña donda coma a do neno que aínda era. Pepe, que quixo marchar e quixo volver. Que quixo escribir, e non deixar de facelo.

Tiña unha enerxía digna de admirar. Pasiños curtos, avances grandes. Pepe vivía nas súas memorias, esas que trouxo de percorrer medio mundo. Soubo adaptarse, caer, erguerse, pedir axuda... e atopala. Tivo apoios, un gran recoñecemento... e iso é importantísimo. Foi moi querido. Sempre me resultou un acougo ver o coidado que se puxo na súa persoa, na súa obra. Porque Pepe amaba e precisaba as letras, pero tamén as mans e os sorrisos, os agarimos. Agasallounos un libro que se converteu nun fito. Coa súa sinxeleza, a realidade dun momento que lle tocou vivir. A grandeza tamén vive na ausencia de complicación. Coma el.

Escribía continuamente, cunha necesidade imperiosa. Revisaba os textos e xa estaba pensando no seguinte. Nunha parte moi grande, vivía nas letras. Eran o sustento maior do motor interno que o facía erguerse tan cedo cada mañá.

Pepe vive nas letras.