O xornaleiro da palabra (e algo máis)

Ramón Nicolás

CULTURA

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xornaleiro da palabra», deste xeito falou de si Neira Vilas nun acto público hai non moitos meses. A denominación é exacta e acaída, semanticamente intensa e transparente, e revela as dúas claves que sempre se impuxo no seu traballo creativo: puír a palabra, unha e outra vez; traballala para que construíse, de seu, universos literarios onde a dignificación das xentes e a relevancia da memoria xogasen un papel fulcral. Mesmo boa proba desta vontade recorrente repousa na súa obra de corte memorialístico e ensaístico: oceánica e realmente impagable.

A súa obra narrativa permite sempre que rebobinemos a película que recolle a vida: sitúanos nun pasado no que tantas e tantas persoas se viron e ven reflectidas, mais tamén conxuga a intención de transitar polos camiños da innovación pois soubo proxectarse no noso tempo e ofreceu textos rabiosamente contemporáneos, na súa formulación e desenvolvemento, como testemuñan Relatos mariñeiros (2003), Esperando o leiteiro (2012) ou o recentísimo Romaría de historias (2015).

Un dos últimos contactos epistolares que mantiven con el xurdiu coa recensión de Esperando o leiteiro, publicada nestas mesmas páxinas, pois Neira era desa clase de persoas que chamaba por teléfono, ou escribía, adiantando palabras de agradecemento no que sempre entendín como un sinal de inequívoca xenerosidade e de elegancia, tamén de aprecio polo traballo crítico. Naquela conversa, fóra doutras cuestións de índole privada, relatábame que un día lle dixera a Carpentier que lle gustaba o seu relato El Camino de Santiago e que o propio autor cubano lle respondera con franqueza e inxenuidade: «Pues a mí también me gusta». Con esa mesma simplicidade afirmo que a obra de Neira Vilas tamén me gusta e que non hai mellor homenaxe que lelo ou relelo. Despídome de Neira sabendo que está e permanece no seus libros, lamentando que sobre as dúas últimas obras que publicou nese incansable ritmo editorial que sempre exhibiu -O xardín de Irene e mais Romaría de historias- xa non poidamos dialogar.