Os derradeiros versos de Neira Vilas soaron na súa despedida

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

MIGUEL SOUTO

O seu funeral congregou a unha ampla representación da política e a cultura

29 nov 2015 . Actualizado a las 11:01 h.

Xosé Neira Vilas estaría onte ledo de ver a tantos amigos reunidos ao seu carón, e estaría estreitando mans e repartindo sorrisos, pendente de todos. A súa despedida foi a que el quixo, a imaxe do funeral da súa dona, Anisia Miranda. Un acto «de irmandade» como explicaba o seu amigo, Alfonso Blanco Torrado, párroco de varias aldeas de Guitiriz e amigo persoal do escritor, que se encargou de oficiar o acto litúrxico nun adeus cheo de vida e de mensaxes. Unha hora antes do enterro, en Gres non cabía un alfinete e os coches amontoábanse nas beirarrúas. Ata a pequena igrexa da súa parroquia natal foron chegando representantes do Goberno galego co presidente da Xunta á cabeza, do BNG, do PSOE, alcaldes dos concellos da zona, membros destacados do mundo da cultura, da arte e representantes de infinidade de agrupacións culturais e de centros de ensino cos que Neira Vilas mantiña estreitos lazos.

A multitude congregada en Gres recibiu nun silencio sepulcral a chegada do cadaleito para romper seguidamente nun fervoroso aplauso ao paso do féretro, envolto na bandeira galega. As bandas de Ponteledesma e Merza o recibiron, coa interpretación do Himno Galego, para tocar despois da misa, o de Vila de Cruces.

MIGUEL SOUTO

Neira Vilas estivo presente a través das súas palabras, en versos musicados por Mini e Mero de A Quenlla, por Roi Casal ou lidos ao longo da celebración. A maioría eran das últimas obras deste xornaleiro da escritura, como a el lle gustaba definirse. Versos nos que Neira Vilas detén o paso para facer balance e falar de amor «da fortuna de poderte amar» e do que realmente importa sinalando que «a vida e só un momento», «son as cousas pequenas as que me dan os maiores momentos de felicidade, do seu lar tan amado,  da inmensidade de ver un manto de estrelas branco, de comezar o día cunha palabra de amor, cun xesto amable e de descubrir: «Ao fin comezo a comprender que algún día xa non verei». Un canto á vida e non unha despedida porque, como dicía o seu amigo Blanco Torrado, «lendo a Neira Vilas sentimos esa luz, esa lumeirada., esa paixón coa que viviu Pepe e na que segue vivindo e que nos segue axudando a seguir soñando co futuro do noso país». Dende onte, Neira Vilas, descansa xa  en paz ao carón da súa amada, Anisia Miranda.