Escritor indispensable

Ramón Nicolás OPINIÓN

CULTURA

27 nov 2015 . Actualizado a las 20:23 h.

Inesperadamente fóisenos Xosé Neira Vilas. Faleceu cando moitas persoas comezabamos a ler o seu Romaría de historias (Galaxia): a súa última proposta literaria, agora xa derradeira, que proxectaba presentar no vindeiro Culturgal. Deixounos, coma sempre fixo, traballando arreo, algo que eu sempre admirei nel.

Neira Vilas sabía que Memorias dun neno labrego marcara un antes e un despois nel, e así foi por merecementos propios, mais o resto da súa obra testemuña que loitou por ser un escritor indispensable, conseguíndoo. 

A súa vida deseñou un círculo perfecto -Gres, Buenos Aires, A Habana e, de novo, Gres-  e soubo espellala literariamente co talento preciso para converterse nunha ponte indispensable entre a Galicia de aquén e a de alén mar. Desde hoxe repousa na nosa memoria e nos seus libros para sempre. Descanse en paz, con Anisia Miranda.