Rivas, Portas e Feijoo lideran unha explosión editorial en lingua galega

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os lanzamentos de cara ao Nadal de novelas de autores como Riveiro Coello, Ameixeiras ou Neira Vilas converten o mes de novembro no cénit da tempada

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando aínda a rechamante iluminación do Nadal anda a medio conquistar as rúas das principais cidades de Galicia, o gremio editorial xa se situou en posición de festas. Se en setembro hai un repunte de estreas posvacionais, o deste novembro é unha sesión -no mellor senso- de fogos de artificio extraordinaria. Nos últimos días -e en datas inminentes- chegan aos andeis das librerías as novas obras de autores de primeira liña, que lideran esta colosal explosión editorial da narrativa en galego, amparada por dúas das firmas principais do país: Galaxia e Xerais. Encabezan este tsunami Manuel Rivas, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijoo, Manuel Portas, Diego Ameixeiras, Neira Vilas, Xabier Quiroga, aos que pode sumarse o músico Antón Reixa, que presentou onte en Santiago o seu poemario Algo raro pasa raro (editado en versión bilingüe, ilustrado e cun prólogo do poeta coruñés Agustín Fernández Mallo polo selo madrileño La Oficina).

Rivas (1957) entrega desta volta un ambicioso artefacto literario -O último día de Terranova, que presenta mañá na Coruña- que combina de modo fragmentario realidade e ficción, un alento surrealista cheo de poesía e tamén un relato do pasado e da memoria que o xornalista e escritor coruñés tece por intres cos recursos do xénero negro.

Negrura non lle falta igualmente ao derradeiro traballo de Xabier Quiroga (O Saviñao, 1951), que mereceu este ano o Nacional de la Crítica por Zapatillas rotas. En Izan o da saca, o escritor lucense deixa o peso social para entrar no ámbito do noir nunha pescuda que se somerxe nos tempos da posguerra tras as sombras dunha delituosa trama.

Menos escura é a novela do ourensán Antón Riveiro Coello (Xinzo, 1964). En Os elefantes de Sokúrov crea unha obra moi compostelá pegada as inquietudes de hoxe, na que, en torno a Janis, aborda cuestións como a crise económica, o amor, a arte ou o suicidio. A carga social queda tratada desde unha perspectiva intimista.

Partindo do terreo da súa tan querida literatura policial, Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) trenza unha narración sobre o traballo de narrar. Protagonizada polo escritor Vicente Malone, A noite enriba relata a peripecia dun home -como o autor- que pretende redactar unha biografía de David Goodis, un dos grandes do pulp estadounidense. Ameixeiras serve un novela breve pero contundente, na que volve utilizar unha linguaxe medida, que se apoia na elipse narrativa e no cruce de tramas na busca de que o decurso do relato transcorra con axilidade.

Máis lonxe chega a andaina de Manuel Portas (Barcelona, 1960), que explora en Lourenço, xograr, pola que obtivo o premio García Barros 2015, os tempos medievais da man dun mozo aspirante a trobador.

O moi veterano Xosé Neira Vilas (Val do Ulla, 1928) retorna unha vez máis ao universo da aldea en Romaría de historias, un libro no que conviven os planos da realidade e da maxia.

O que muda de ton é Pedro Feijoo (Vigo, 1975), que tingue o noir de comedia en Morena, perigosa e románica. A novela segue os pasos dun fato de facinorosos de (como moito) medio pelo.