Roque. Cidade da Cultura, Compostela Xullo do 2014

CULTURA

ABRALDES

Trixésimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cortara o pelo igual que cando era nova e levaba unhas gafas escuras. Esperábao ao pé das Torres Hejduk. Eran as tres da tarde e ía unha calor sufocante. Apenas había turistas visitando o Gaiás. Imaxinou que por iso o citara alí.

-Ola, Tina.

Ela non quitou as gafas, pero sentiu a súa mirada augamariña baixo os cristais escuros.

-Ola, Roque.

-Cando chegaches?

-Onte. Pola tardiña.

-Aquí o tés -díxolle el, entregándolle o sobre.

-Roque, ti sabes que non queres devolverme ese acordo. Ti sábelo. Eu seino. Sabémolo os dous. Se hai algo ao que no estás disposto a renunciar é a Santa Catalina.

-Ti non sabes ao que estou disposto a renunciar.

-Creme, Roque, se che digo que o sei.

-Iso non é xusto, nunca souben o de Roi.

-E tería cambiado algo? De verdade pensas que me ía conformar co teu fodido sentido do deber?

-Aquilo non tiña que ter sucedido nunca.

-Aquilo, como ti o chamas, sucedeu, Roque! Sucedeu, a pesar de que ti te negaras a crelo. A pesar do teu arrepentimento. Sucedeu. Sabes que? Levo case trinta anos vivindo dese recordo. Así que non me digas que foi un erro. De verdade fuches quen de esquecelo?

-Si. Claro que si. Borreino. Conseguín que ese día se transformase nun soño. Nun soño fermoso, pero irreal. Ás veces, pensaba en ti. Na rapaza que foras. Pensaba en ti, noutra vida. Nunha vida na que puidésemos estar xuntos. Pero nesta non, Tina. Nesta vida, eu vivía para Deus.

-Para Deus! A quen lle mentes, Roque? A min non. Ti só viviches para unha cousa nesta vida. Para ese maldito colexio.

-Quero velo.

-A Roi? Non. Vas facer unha cousa. Vas deixarte de absurdos remordementos, e vas coller este sobre. Santa Catalina enteira para ti. Non es moi distinto de Marcos. Estoute comprando. Hai moi poucas cousas que non se poden conseguir con cartos, sabes? Roi é un Wagner. Pode que teña os teus ollos escuros. Pero non hai máis. Non vas velo. Perdiches ese tren hai moitos anos.

-Nunca o souben. Xúrocho. Nin sequera despois da morte de Marcos. De feito, se a súa muller non me tivese amosado esa partida de nacemento, eu nunca?

-Nunca o terías adiviñado. Seino. Nunca fuches quen de ollar máis aló dese puto colexio. Porque se foses capaz, teríaste decatado de que Val Valdés nunca viría a unha cea de aniversario do seu colexio. Val Valdés non sería tan estúpida como para facer que o anagrama da súa empresa fose o mesmo có do teu grupo de orientación cristiá. Val Valdés non tería arriscado todo por verte de novo. Ese feixe de parvadas, só as puido facer esa estúpida de Tina que levaba namorada trinta anos de ti. Vouche dicir o que si fixo Val Valdés. Protexerte. Mercar un arma. Enganar ao estúpido de Marcos. Apuntarlle ao centro da súa fronte e matalo a sangue frío. Por ti.

-Estás tola.

-Nunca o has entender, verdade? Para o Padre Sanmartín todo é branco ou negro. A xente é boa ou mala. Pois non, Roque. Ás veces cométense erros sendo boa persoa. E cométense boas accións, aínda sendo unha asasina. Así que colle eses papeis e non me fagas falar máis.

El colleu o sobre.

-Mataches un home!

-Polo menos agora sabes o que estaba disposta a facer por ti.

Inclinouse sobre el.

-Queda co colexio, Roque - díxolle, antes de dar media volta e marchar.

Roque apertou o sobre contra o peito. Ela tiña razón. Era coma Marcos. Xamais tería renunciado ao colexio. Agora só lle quedaba aprender a vivir co feito de que ela apertara ese gatillo por el. Inconscientemente, deulle grazas ao Señor.

Despois, rompeu a chorar ante a atónita mirada dun turista xaponés.

Resumo

A noite da cea, Marcos e Tina abandonan o Hostal dos Reis Católicos para manter unha conversa privada. Valentina bótalle en cara que lle quixera facer chantaxe, xa que ela lle contara que estaba embarazada porque o consideraba o seu mellor amigo. Marcos bótalle en cara que ela se deitara co seu mestre mentres era a súa moza. Cando chegan á beira do río Sarela, teñen unha forte discusión. Marcos ameaza con contar na televisión que o Padre Roque é o pai de Roi. Val saca unha pistola e mata a Marcos.