O camiño dos recordos

Xosé Manuel Bouzamayor

CULTURA

Relato de verán de Xosé Manuel Bouzamayor. Enxeñeiro de obras públicas. 58 anos. Santa Marta de Ortigueira

04 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O altofalante do tren deixou no ar o nome da seguinte estación. A proximidade do destino fixo que os nervios aflorasen e a tranquilidade do feiticeiro son monótono do tren deixou paso a un alporizamento no seu corpo que lle fixo recordar a razón desta viaxe.

Despois de moitos anos sen saber dela, atopouna nunha das máxicas, mais perversas, redes sociais e, dende aquel día, a rutineira procura de mensaxes deu en se converter nunha necesidade vital até o día que, nunha daquelas insensibles misivas, fíxolle saber que quería velo de novo.

A resposta non se fixo demorar e deron en escoller, como data do reencontro, o día no que se festexaba o patrón da aldea; a mesma data na que, ía xa para vinte anos, a despedida cuns bicos de sincera amizade habería de selar, sen que eles o souberan, os diferentes camiños que as súas vidas ían percorrer.

Ao chegar á estación a súa ollada foi quen de atopala entre a xente que esperaba na plataforma, as mans do vento xogaban co seu vestido e facíase doado adiviñar a figura que tivera noutros tempos. Foron intres nos que o discorrer das horas fíxose tan lento que até se podían recoñecer as partículas do ar.

De socato, decidiu que non quería ollar a súa faciana; as engurras podían ferir a memoria e as imaxes que tiña diante del haberían de servir de alimento para a nostalxia.

Sen dubidalo, tomou a decisión de seguir amoreando recordos como se fai con moitos obxectos que semellan inútiles, mais enchen os currunchos máis recónditos do fogar, recordos dos que podería facer uso cando, na derradeira vellez, necesite deles ó non poder vivir a realidade.

O chifre do xefe da estación anunciou a saída e, sen tan sequera moverse do asento, as bágoas que, cando era neno, esbarraban polas meixelas, alporizadas e sen rumbo na procura dunha liberdade que atopaban cando chimpaban ó chan; aquí percorrían, confinadas, as engurras da súa faciana, do mesmo xeito que os vagóns o estaban a facer polo camiño de ferro.

xosé manuel

bouzamayor

Enxeñeiro de obras públicas.

58 anos.

Santa Marta

de Ortigueira.