O último dragón galego do Pico Sacro

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os participantes do campo de traballo, os monitores e outros rapaces de Boqueixón subiron ata o cumio do Pico Sacro.
Os participantes do campo de traballo, os monitores e outros rapaces de Boqueixón subiron ata o cumio do Pico Sacro. fotos: < / span>Xoán A. Soler< / span>

Un campo de traballo da Xunta reúne a unha vintena de mozos de varios países arredor da obra literaria de Elena Gallego Abad e as lendas do Códice

03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Códice Calixtino, ademais dunha obra que alcanzou sona internacional polo seu roubo e posterior aparición no garaxe dun electricista, e tamén a primeira guía de viaxes de Europa. Nel recóllese o traslado do Apóstolo a Santiago, en tempos da raíña Lupa. Para poder chegar a Compostela, houbo que matar ao último dragón de Galicia, que vivía no Pico Sacro, un dos lugares máis emblemáticos da comunidade, localizado no concello de Boqueixón. Este foi un dos puntos de partida da obra literaria da xornalista e escritora Elena Gallego no seu libro Dragal I, a herdanza do Dragón, e tamén do campo de traballo que onte se presentou no cumio do Pico Sacro.

Trátase dun campamento da Campaña de Verán 2015 da Consellería de Traballo e Benestar. Participan unha vintena de mozos de entre 18 e 30 anos de países como Rusia, Alemaña, Turquía e Francia, así como de varias comunidades españolas. O curioso deste campo internacional é que pretende crear sinerxias no entorno do Pico Sacro, inspiradas na obra literaria de Elena Gallego. Nacho Fariña, director desta actividade, explica que os traballos que farán os rapaces combinan o ocio cos exercicios medio ambientais ou de recuperación de determinadas zonas, sempre coa vista posta nas lendas do Pico Sacro. De feito, os participantes limparán ata o día 12 a ruta do dragón, que vai desde a igrexa de Lestedo, en Boqueixón, ata o propio cumio, sinalizando o camiño «e con dramatizacións que farán os monitores ao longo do tramo contando lendas e historias do pico».

Comeza a aventura

Na presentación, na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que colabora co Proxecto Dragal, a propia Elena Gallego, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, estiveron tamén os rapaces que comezan a aventura. Como Rosalía, coruñesa de 28 anos que está rematando Filosofía e quería unha experiencia nun campo de traballo. Ou María Jesús, de Toledo. Ten 18 anos e en setembro comeza a estudar Medicina en Madrid. O ano pasado estivo nun campus en Lugo e quedoulle o verme de coñecer máis da lingua e a cultura galegas: «Quería volver y el hecho de que este campo de trabajo tenga una parte cultural y de lengua me convenció», explica.

Otero Pedrayo e Castelao destacaron este enclave

Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón e que ademais foi director xeral de Xuventude, destacou a dimensión internacional do campo de traballo que remata o día 12, e que lle dará polo tanto «carácter internacional á obra de Elena Gallego Abad e ao cumio do Pico Sacro». A propia autora da triloxía de Dragal, Elena Gallego, destacou as semellanzas que algúns medios de comunicación fixeron entre a súa saga e a de Harry Potter, «pero mentres J. K. Rowling tivo que inventarse Hogwarts, eu non tiven que inventarme nada, teño Galicia». O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o cumio do Pico Sacro como un dos referentes e lugares máis emblemáticos de Galicia, que xa gabou Otero Pedrayo no seu momento. Mesmo Castelao fixo unha expedición a este monte en xullo do 1924 con Pedro Brey, un mestre e fotógrafo afeccionado que casualmente foi o avó de Mariano Rajoy. «Trinta anos despois, no 1950, Castelao menciona o Pico Sacro no último discurso público que fai», dixo o secretario xeral.

O campo de traballo axudará a facer unha dinamización deste cumio e tamén do Camiño de Santiago nos concellos de Compostela, Boqueixón e Vedra, a través de distintas actividades como a xa mencionada ruta do dragón, a creación da ruta das estrelas e a elaboración dunha audioguía, un mapa sonoro ou traballos de pintura, ilustración ou videocreación.

En total, a campaña de verán da Xunta oferta este ano 700 prazas en campos de traballo, 465 de acollida e 265 de partida. Na comunidade fanse 18, nas illas Cíes, Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada, Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón. No 2015 destínanse 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas de toda a campaña entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. Para levar a cabo estas actividades contratáronse uns 900 monitores e directores de campamentos para estes meses de verán.