Podía ser peor

Rita Nogueiras

CULTURA

Relato de verán de Rita Nogueiras, estudante. 22 anos. O Carballiño

02 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta mañá cheguei tarde ao traballo. O espertador decidiu quedar sen pilas e non logrei erguerme a tempo. Para cando cheguei a traballar xa me estaba esperando Don Fernando con cara de poucos amigos e co libro de normas do seu hotel.

Só pode haber unha cousa peor que traballar en agosto a máis de corenta graos cando o resto da xente está descansando: facelo sabendo que o teu xefe está enfadado contigo e que pode decidir mandarte a ti tamén de «vacacións».

Despois diso todo me saíu do revés. Supoño que co conto das présas debinme de levantar co pé esquerdo ou algo así. Resumindo: intercambiei unhas reservas (gañándome un posto no libro de reclamacións), tocoume mediar nunha liorta entre dous hóspedes e, ao recoller para virme para casa, coas présas, esvarei e caín na piscina, co cal tiven que cambiarme de roupa perdendo o bus para volver. Así que me tocou camiñar máis dunha hora coa calor que ía ata chegar a casa.

Ao entrar fai un anaco no edificio atopeime coa porteira que marchaba; despois de verme a cara díxome que fose o que fose o que me pasara, lembrase que sempre hai que tentar buscarlle o lado positivo ás cousas.

Chega o ascensor e subo nel. Cavilo niso: «a ver, non creo que me poida ocorrer moito máis hoxe».

Estou desexando saír do ascensor para chegar á casa e deitarme a descansar, aínda que teño que recoñecer que iso ultimamente é difícil: ás carreiras e choros dos nenos do piso de abaixo e ao son dos tacóns da veciña de arriba, xúntanse os estridentes sons dun paxarraco que ten nunha gaiola no balcón o veciño do lado.

Este pensamento deprímeme un pouco máis do que xa estou. Suspiro. Nese intre todo queda escuro e noto que o ascensor non se move. ¡O que faltaba! Vaise a luz e quedo pechada no ascensor; por moito que berre non me van oír e aínda por riba sei que non hai ninguén na portería para avisar e que me saquen.

«Vamos, busca o lado positivo: ata aquí non chega ningún ruído dos veciños nin do paxaro. Podía ser peor». Descálzome e sento no frío chan do caixón metálico disposta a cumprir o meu desexo de descansar por fin do día de hoxe.