Retrato nocturno da mocidade

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Jesús Madriñán percorreu as discotecas do rural galego para captar á xuventude en imaxes a cabalo entre o documentalismo e a foto de estudio

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos dous anos que viviu en Londres, o fotógrafo Jesús Madriñán (Santiago, 1984) retratou a mozos da capital británica a altas horas da madrugada, unha serie que titulou Good Night. De volta en Galicia, aquel traballo tivo a súa prolongación natural en Boas noites, o resultado de percorrer discotecas das zonas rurais para captar á xuventude no seu propio contexto de ocio nocturno.

«Era algo así como a outra cara da moeda e, ao mesmo tempo, era o meu contexto máis persoal, o lugar ao que eu pertenzo», lembra Madriñán. A serie, que aparece agora en forma de libro, publicada por Fabulatorio e con textos de David Pérez Iglesias e Montserrat Pis Marcos, constata a diferenza entre a mocidade galega e a londiniense á hora de comportarse ante a cámara: «Semella que os de Londres son máis conscientes da súa propia imaxe, impórtalles máis esa construción de cara ao obxectivo», analiza Madriñán, quen tamén subliña as semellanzas: «O que todos teñen en común é ese proceso de cambio propio da súa idade, unha identidade que aínda se está a definir».

O propósito último do fotógrafo era precisamente captar a formación desa identidade e como inflúen nela os espazos de ocio, así como na súa relación e xeito de expresarse. As imaxes, dacabalo entre o documentalismo e a fotografía de estudio, evidencian o xogo que se pon en marcha cando os rapaces afrontan o obxectivo. «Dicía Roland Barthes que fronte á cámara un é ao mesmo tempo a persoa que pensa que é, e a persoa que quere facer pensar aos demais que é», aclara Madriñán, quen en todo momento se achegou aos retratados cunha ollada de «absoluto respecto, unidade e comprensión», sen caer no despectivo ou os estereotipos.

Entorno natural

Para a súa serie Madriñán percorreu lugares clave do ocio nocturno rural como Muimenta, Melide, Boiro ou Vilalba. «Estamos afeitos a ver esta clase de macrodiscotecas en cidades e lugares moi turísticos, pero non tanto no medio rural», describe. Xa que logo, ese entorno aparece representado nas imaxes da flora que rodea esas discotecas: «Que ao redor dos rapaces retratados houbese un aparcadoiro ou unha pista de baile non é significativo, pero si que a uns metros das discotecas houbese bosques, ríos, flores asilvestradas... Esas fotografías da natureza aportan unha narrativa e contextualizan os retratos e, ao mesmo tempo, funcionan coma unha metáfora do tempus fugit, coma todas as Vanitas, eses bodegóns barrocos que anuncian o paso inexorable do tempo. A fugacidade da xuventude e, por conseguinte, da vida, está implícita tamén na fugacidade dunha planta que está a florecer».

A estética dos retratos tamén obedece a unha formulación previa na que Madriñán tentaba levar a fotografía de estudio a un ámbito que lle resulta totalmente alleo. «Exacto, esta é unha das cuestións máis importantes deste traballo», confirma o seu autor. «Boas noites é unha serie que, dalgún xeito, estase a mover entre a fotografía narrativa e a documental. Realmente, trátase dunha colección de retratos documentais, pero o utilizar unha cámara de gran formato analóxica e unha iluminación de estudio no medio do caos dunha pista de baile ás seis da mañá, confire ao resultado unha poética e unha estética específica, contraditoria e extraordinaria».

Madriñán atopou en Fabulatorio -editores do mellor libro de fotografía para PhotoEspaña 2014, Ostalgia, de Simona Rota- os aliados idóneos para publicar a serie, que se presenta mañá na Fundación Seoane, ás 19.30 horas.