A RAG escríbelle a Carmena para que non mude o nome da rúa Cunqueiro

redacción / la voz

CULTURA

José Manuel Casal

Afirma que non é «desdouro ningún» que unha rúa da capital leve o nome do escritor mindoniense

17 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, escribiu, en nome da institución, unha carta dirixida á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, na que afirma que non é «desdouro ningún» que unha rúa da capital leve o nome de Cunqueiro, en referencia aos plans do Concello de mudar os nomes de determinadas vías para cumprir a lei da memoria histórica. Na carta afírmase que Cunqueiro -académico numerario- é un dos grandes escritores de Europa, en galego e castelán. «Somos conscientes de que, entre os infinitos asuntos que terá enriba da mesa, quizais os seus asesores en cuestións da Memoria Histórica non sempre distinguen con precisión a diferenza entre unha rúa denominada División Azul (ou Millán Astray) e outra denominada Álvaro Cunqueiro», a quen se define como «un home bo, que nunca, na súa condición íntima, se identificou coa violencia fascista», malia non ser «totalmente alleo, arrastrado polos imprevisibles acontecementos [da Guerra Civil], a comportamentos non desfavorables ao franquismo». Polo tanto, a RAG sostén que non é deshonra ningunha que unha rúa de Madrid lembre ao escritor galego, «honra e gloria das Letras Hispánicas do século XX».

Pola súa banda, o grupo municipal do PP de Vigo instou ao Concello de Madrid a «dejar sin efecto» o anuncio de cambiar o nome da rúa, o que sería «un grave error de difícil reparación», e Amigos de los Pazos tamén se opón ao que ve como un «desaire» ás culturas galega e española.

Unha medida absurda

A candidatura de Ahora Madrid incluíu no seu programa electoral a adaptación dos nomes de rúas que vulnerasen a lei de memoria histórica. Cando se coñeceu que nunha lista de posibles vías -algo que o Concello nega ter preparado- figuraba Álvaro Cunqueiro non se deixaron de producir reaccións de oposición ao posible cambio. Institucións, escritores e intelectuais de diverso sino se manifestaron en contra do que cren unha medida absurda.