Manuel María será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2016

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

CULTURA

KOPA

A súa candidatura impúxose por maioría ás de Ricardo Carballo Calero e Xela Arias

04 jul 2015 . Actualizado a las 16:50 h.

O escritor lucense Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) será o autor homenaxeado no Día das Letras Galega no ano 2016, segundo anunciou hoxe a Real Academia Galega (RAG). Sobre a mesa da RAG estaban tres nomes: Xela Arias Castaño, Ricardo Carballo Calero e Manuel María Fernández Teixeiro. Os tres xa foron candidatos no debate o ano pasado, cando finalmente se elixiu a Xosé Filgueira Valverde, quen se impuxo por moi pouca marxe ás opcións de Celestino Fernández de la Vega. 

Hoxe foi elexido por maioría Manuel María. A súa candidatura foi promovida polos académicos Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes, Margarito Ledo, Xosé Luís Regueira e Manuel Rivas. O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, descatou a poesía "excelsa" do autor homenaxeado, ao tempo que a súa figura popular, o que o converte "nun gran aliado para a Academia para levar o galego" a todos os eidos posibles. Alonso Montero reforzou esta idea co feito significativo de que Manuel María figura, canda Rosalía, Curros e Celso Emilio, entre os escritores máis musicados. 

Manuel María ofrece un perfil moi enfocado á poesía, un eido no que está considerado unha voz fundamental na segunda metade do século XX, aínda que tamén cultivou outros xéneros, especialmente o teatro e as narracións infantís. Detste último afirmou onte Fina Casalderrey que foi alguén a quen a literatura para mozos en Galicia lle debe moito. 

Ademais, Manuel María foi un activo promotor da cultura galega. Percorreu todo o país -así como a emigración- coa súa participación en recitais e charlas, tivo unha faceta de editor e tamén política, ámbito na que exerceu como concelleiro. 

Coa súa escolla a Academia homenaxea a un autor de múltiples vertentes literarias, na que destaca a poética, culto e popular a un tempo, e coa que espera que arredor da celebración do 17 maio se desenvolvan numerosas actividades a prol da normalización do galego, arela na que tanto insistiu o propio Manuel María.