As relacións epistolares testemuñan os universos literarios de Filgueira

ramón nicolás

CULTURA

Tres cartas inéditas a Celso Emilio evidencian o espírito común do galeguismo

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Está xa en proceso de dixitalización o fondo epistolar de Filgueira Valverde logo dun acordo subscrito entre a fundación homónima e o Consello da Cultura Galega: unha valiosa decisión, pois divulgar este corpus e potenciar a súa accesibilidade constitúen elementos claves para afondar con rigor no coñecemento xa non só dos perfís de quen establecen unha relación epistolar senón, e tantas veces, do propio tempo que viviron.

Neste sentido, no ano 2009 publicouse unha monografía que recollía a correspondencia entre Filgueira e Otero Pedrayo baixo a responsabilidade de María Jesús Fortes, arquiveira do Museo Provincial de Pontevedra. Na Fundación Penzol atópanse os orixinais destas cartas e rescátase aquí unha delas, reproducida en versión manuscrita por cortesía desta institución, pois nela salienta, alén de testemuñar a fraternal, afectuosa e intensa relación de amizade que uniu os dous derradeiros polígrafos da cultura galega do século XX, a extraordinaria capacidade narrativa de Filgueira. A carta data xustamente do 31 de agosto de 1950, día de San Ramón, e resulta operativa para amosar unha proba fidedigna dos brillantes recursos expresivos que lle confiren á carta unha indubidable intensidade emocional. Na realidade Filgueira compuña un canto á amizade en forma de galano escrito, transitando ademais por motivos -onomásticos e paisaxísticos entre outros- que sabía serían moi do gusto do polígrafo trasalbés.

Velaquí a transcrición dun significativo fragmento final desta: «Dend?o curuto con lecer vou vendo San Vicente, o Barbanza y-o Lobeira, A Toxa, Arousa, as abas do Castrove, os Coutos, Foxos, Portomouro y-o mar aberto dende as Ons a Sálvora. Direi eiquí os meus votos da túa festa: Que o santo teu y-o que este can nomea fagan ledas as horas na compaña da naiciña e de Fita; que recollan toda a beleza que esta Terra cría as verbas tuas; que a túa vos escoiten en Compostela un dia os meus rapaces; e sobre as ondas de cen anos ledos tenda Deus a sua man, como este ceo, sin néboa, vento, nin lindeira estrema, alí onde canta a aquela cotovía que á veciña Armenteira veu pousare».

Por amizade a Ben-Cho-Shey

Retornado xa do seu exilio venezolano, en 1977, Celso Emilio Ferreiro non dubida en contactar epistolarmente con Filgueira co obxectivo de mover os fíos precisos para estabilizar a precaria situación económica de Xosé Ramón Fernández-Oxea, quen xa non tiña a quen acudir. A resposta de Filgueira non se demora, como se explicita nalgunhas cartas que manexo por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. O humus común no que alentaran Ferreiro e Filgueira nos tempos da República mantívose ao longo do tempo e ambos os dous converxen nos intentos de atopar unha solución diante dun caso que os preocupa e une por riba doutras diferenzas.

Estas cartas inéditas recollen -como se pode advertir- as diversas posibilidades que Filgueira, ao fío do que suxire Ferreiro, formula: a concesión dunha bolsa vitalicia da Fundación Barrié, a reedición dalgún libro que permitise obter liquidez en concepto de adianto ou a compra dos seus fondos bibliográficos. Filgueira sabe a quen debe acudir e, finalmente, concédeselle a Ben-Cho-Shey unha pensión como queda constancia na carta datada o 7 de xaneiro de 1978, respecto da que me permito chamar a atención sobre un parágrafo de Filgueira ao fío da recensión que dous días antes Celso Emilio publicara sobre o seu libro Quintana viva: o fragmento testemuña a existencia dun espírito común onde primaron, sempre, as confluencias: «Como, de certo escribimos para os amigos, i eu fíxeno coidando en vos, os de sempre, gorenta o saberse lido e comprendido con aqueles con que conversou un, compoñendo».

O Día das Letras propicia a edición de dous volumes con «Adrais» e «O vigairo»

Como adoita suceder coa obra dos autores homenaxeados co Día das Letras Galegas, comezan a aparecer nas proximidades da celebración a publicación ou reedición de títulos sobranceiros na súa traxectoria literaria. Acontece así con Filgueira Valverde, de quen chegan aos andeis das librerías varias novidades. Editorial Galaxia, que xa abrira a súa Biblioteca Filgueira con Quintana viva, achega agora os dous primeiros tomos da serie que recompila os Adrais, os textos breves nos que o escritor despregou toda a súa erudición e capacidade de divulgación sobre todo tipo de tema relacionado coa cultura en Galicia: literatura, toponimia, lendas, antropoloxía, arte, onomástica ou arquitectura, entre outros moitos temas. No outono aparecerá o terceiro. A eles hai que engadir a publicación nun volume de catro obras: á narrativa pertencen O vigairo, unha loa literaria do mar de Pontevedra, e A monxa-frade, que permanecía inédita ata hoxe, mentres que Agromar e Aucto de Santa María son pezas teatrais. Pola súa banda, Xerais vén de publicar a biografía intelectual de Filgueira Valverde, asinada por Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.