Un Asorey que vai da tumba ao museo

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

A Deputación de Lugo adquiriu unha escultura privada do cemiterio San Froilán

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Oitenta anos despois daquel encargo para adornar un panteón familiar do cemiterio municipal San Froilán, o Cristo redentor de Francisco Asorey González (Cambados, 1889-Santiago, 1961) poderá ser admirado polo visitante do Museo de Lugo. A Deputación acaba de pechar a compra da peza por 35.000 euros coa familia Fernández López, propietaria do monumento funerario onde se topa a escultura e que está desprendéndose dos seus bens na cidade. «A institución provincial decidiu intervir antes de que a comprase algún especulador», explica unha fonte coñecedora da transacción. Segundo o previsto, cando sexa retirada do camposanto, a talla pasará a integrar a colección permanente do museo.

Segundo Balseiro, esta «obra única e singular enriquecerá o discurso expositivo» dedicado ao creador pontevedrés no museo lucense, que conta con outras dúas pezas de quen está considerado como un dos mellores escultores galegos do século XX, e que formou parte da Xeración Nós xunto a Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco. A ofrenda a San Ramón -realizada en madeira policromada e metais en 1923, e doada á institución por José Fernández López- representa a unha muller en vésperas de dar a luz, axeonllada e en actitude oferente para pedir que o seu fillo naza ben. O San Francisco foi esculpido en 1926, tamén en madeira policromada, e cedida en depósito polo museo Reina Sofía.

No 2011, polo 50.º aniversario do pasamento de Asorey, o Museo de Lugo organizou unha exposición con varias esculturas en madeira.

Esculpido en mármore branco, o Cristo redentor representa a Xesucristo a escala real, de corpo enteiro, de pé, e sostendo coas mans sobre o peito a sagrada forma. «A figura está pensada para ser vista de fronte, á maneira da arte exipcia, e caracterízase pola simetría, a rixidez, o xeometrismo das formas e a inexpresividade do rostro; particularidades que remiten ao kuros grego», expón nun informe a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, que engade: «O tratamento do cabelo e os pregamentos da túnica son un claro exemplo de inspiración arcaica». As medidas da peza son de 180 por 65 e por 30 centímetros, e conta cunha base de 41 por 36.