Os contos de «Quintana viva» abren a biblioteca Filgueira Valverde de Galaxia

x. f REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

castelao

A pouco máis dun mes para a celebración do Día das Letras Galegas comezan a aparecer novidades en torno ao autor homenaxeado este ano

07 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A pouco máis dun mes para a celebración do Día das Letras Galegas comezan a aparecer novidades en torno ao autor homenaxeado este ano, Xosé Filgueira Valverde. O tomo máis madrugador é Quintana viva, unha recompilación de contos coa que Editorial Galaxia abre a súa biblioteca dedicada ao escritor, e que seguirá con novas entregas dos Adrais. Nun limiar, o propio Filgueira explica que os textos foron escritos ao longo de medio século, «en prosa poética», e que teñen un referente no mundo da infancia no sentido máis amplo. «Como un tamén é investigador, garda fondo recoñecemento para os que hoxe andan a escudriñar na fala e no estilo das xentes da miña xenia, fillos no espírito dunha impar rolda de verdadeiros mestres. E como ten agarimo para eses netos deles que son as crianzas que fixemos falar nas nosas obras, arela que queden xentes que queiran gozarse co que elas contan. A uns e outros van endereitadas estas páxinas, coa lembranza chea de saudades, da boa xente que as inspirou», explica o escritor no limiar. Páxinas que levan ilustracións de Castelao, Luís Pintos Fonseca, Luís Seoane, Xosé Sesto e Manuel Torres.