Recoñecen a Araújo Cardalda, premio López Abente, como a «nova voz» da poesía galega

«Os días condenados. Fragmentos para un devocionario» é un poemario construído a base de citas que abren a porta ás distintas partes do libro

.

Santiago / la voz 26/02/2015 05:00 h

Os días condenados. Fragmentos para un devocionario serviron ao premio Gonzalo López Abente -nesta segunda edición- para descubrir «o nacemento dunha nova voz» para a poesía galega. Así o subliñou na presentación da obra en Santiago Henrique Rivadulla Corcón, membro do xurado e representante da fundación que convoca o certame coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. Rivadulla incidiu ademais en que a de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, profesor de alemán e tradutor, e autor do poemario, é unha voz «moi diferente» e vén a confirmar que «a Galicia poética segue existindo» e continúa a viaxe que no século pasado emprendeu o escritor muxián que da nome ao premio.

Nesa nova voz reparou tamén o subdirector de Edicións Xerais, Francisco Alonso, quen sinalou que Araújo Cardalda ten «unha voz fresca e extremadamente espontánea». Sobre Os días condenados, un poemario construído a base de citas que abren a porta ás distintas partes do libro, subliñou a súa «vocación narrativa» en canto que conta «unha historia de amor e desamor» xunto con outros temas coma o sexo, o abandono, a identidade ou a memoria. «É unha reivindicación da palabra», afirmou Alonso, quen tamén recoñeceu a labor da Fundación Gonzalo López Abente á hora de impulsar un xénero «maltreito» como o da poesía cun premio que serve para a súa recuperación e visibilidade.

A poeta e filóloga María Arce asegurou que se trata este do «debut poético máis serodio da historia» e reparou no carácter polifónico e o humor solapado da obra escrita polo seu colega.

Araújo Cardalda foi premeditadamente conciso, argumentando que «o libro debe falar por si mesmo», mais descubriu que un cadro, unha personaxe histórica e unha novela serven para inspirar os seus versos. Algúns, escritos hai tempo.

Votación
23 votos
Comentarios