Neira Vilas recompila as obras «Lar», «Nai» e «Pan» nun novo libro-cedé

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

A actriz  Uxía Blanco encargouse de poñerlle voz aos máis de trinta temas que forman parte do libro no que o escritor de Gres fai unha emotiva homenaxe á figura materna

12 feb 2015 . Actualizado a las 10:04 h.

A pluma infatigable de Xosé Neira Vilas continúa dando novos froitos ao tempo que dá unha volta de folla ás liñas que escribiu noutrora. O autor de Memorias dun neno labrego expresaba onte a súa intención de elaborar un monólogo feminino minutos antes da presentación en Santiago da súa última publicación, o libro Lar, Nai, Pai. Trátase esta dunha recompilación de tres traballos escritos en La Habana e editados por separado en 1973, 1980 e 1986, que reedita agora Galaxia nun libro-cedé que contou coa achega de Uxía Blanco.

A actriz de Touro encargouse de poñerlle voz aos máis de trinta temas que forman parte de Nai, no que o escritor de Gres fai unha emotiva homenaxe á figura materna, e máis particularmente a «unha muller valente e amorosa que apeitugou con sete fillos en tempos difíciles», segundo destacou o propio Neira Vilas.

Seis anos antes que esta obra veu a luz Lar (en 1973), que narra «o reencontro despois de máis de vinte e tantos anos con esa aldea que tanto soñei», sinalou. E seis anos máis tarde (en 1986) publicouse Pan, que reflicte o acontecer social e «as dificultades que ten o home dese tempo para gañar o pan», engadiu o autor.

Neira Vilas subliñou que ámbolos tres traballos comparten «un mesmo ton e afán evocador», títulos monosilábicos e unha forma poética. A presentación do libro contou, ademais, coa interpretación de varios fragmentos do mesmo por parte de Uxía Blanco e do propio Neira Vilas. No acto participaron tamén Víctor F. Freixanes, director da editorial Galaxia, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quenes coincidiron en recoñecer o traballo do que consideran «un clásico vivo» e que se amosa «en estado puro» en Lar, Nai, Pai, onde materializa unha vez máis a «evocación do mundo da infancia e da memoria que preside a súa obra».