Os expertos reflexionan en Santiago sobre a pegada de Camus na cultura galega

Santiago / La Voz

CULTURA

As xornadas, malia ter completado o seu aforo, serán retransmitidas en directo a través da web do CCG

03 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega (CCG) emprende hoxe a primeira de dúas xornadas sobre Albert Camus nas que escritores, investigadores, ensaístas e historiadores reflexionarán sobre a vixencia do ideario e da obra desta figura clave do existencialismo, así como da pegada que deixou na cultura galega.

As xornadas, malia ter completado o seu aforo, serán retransmitidas en directo a través da web do CCG. O ronsel deixado por Camus na cultura galega será abordado en tres sesións. Damián Villalaín e Carlos Fernández, ensaístas e membros da institución organizadora, vincularán a súa pegada a un autor concreto como é Carlos Casares. Pola súa banda, o escritor Bieito Iglesias o fará dende un punto de vista máis amplo, que abrangue toda a literatura galega. E Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, achegará a visión sobre a disxuntiva entre Camus e Sartre, na que tomou partido en apoio do segundo.

Hemeroteca feminista

Por outra banda, o Consello, dentro da súa vocación por recuperar e documentar o patrimonio cultural, incorporou dentro das súas publicacións dixitalizadas a Hemeroteca Feminista Galega A Saia, coa que se pretende dar unha visión completa da historia máis recente. A Saia, Andaina e Palabra Silenciada son as tres primeiras revistas que abren o proxecto, aportando a panorámica do feminismo galego nos anos oitenta do século pasado. O obxectivo é dixitalizar once cabeceiras recuperadas no CCG, aínda que non se atoparon números dalgunhas delas.