Ferrín consuma a súa dimisión e denuncia que a RAG está en perigo

Luís Pousa / Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O expresidente di que «hai forzas internas e externas que atentan contra a Academia»

14 mar 2013 . Actualizado a las 12:16 h.

Acompañado polos catro membros da súa executiva e polo académico Darío Xohán Cabana, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín cruzou onte por última vez a porta do número 11 da rúa Tabernas. Arredor das oito e media da tarde, e antes de que rematase o plenario da Real Academia Galega, Ferrín compareceu ante a prensa que agardaba á entrada da sede da RAG para confirmar a súa renuncia definitiva tanto á presidencia como á cadeira vitalicia que ocupaba desde o seu ingreso na institución no ano 2000.

Méndez Ferrín, visiblemente emocionado polo transcurso dun tenso encontro no que comunicou oficialmente a súa renuncia, denunciou ataques externos e internos contra a Academia que están poñendo en perigo a propia institución: «A Academia está en perigo, hai forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas. Preténdese desvirtuar a súa razón de ser, que é a defensa do idioma de forma intransixente».

Regreso á paisaxe nativa

«Polo tanto -explicou Méndez Ferrín aos xornalistas- eu abandonei a Academia Galega para situarme na miña paisaxe nativa, que é a das agrupacións e asociacións culturais e políticas de esquerda nacionalista que defenden o meu idioma». «Sempre defenderei a Academia e pídolle ao pobo e pídolle á cidadanía de Galicia que defenda a Academia Galega das asechanzas que pesan sobre ela. Moitas grazas», apuntou Ferrín antes de despedirse puño en alto dos presentes e de baixar camiñando, xunto a Manuel González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei, ata Porta Real para poñer fin ao seu mandato do mesmo xeito que o iniciou: a bordo dun taxi.

Axeitos, presidente en funcións

Unha vez que Méndez Ferrín formalizou ante o plenario a súa renuncia, asumiu a presidencia en funcións da Academia o secretario da corporación, Xosé Luís Axeitos, mentres que o actual vicesecretario, Francisco Fernández Rei, pasou a ser secretario en funcións.

A partir de hoxe ábrese o período para elixir ao novo presidente, que terá que ser designado polo plenario nun prazo máximo de tres meses e mínimo de oito días. Dada a crise aberta na institución, Axeitos apuntou que o nomeamento do sucesor de Ferrín vaise acelerar ao máximo: «Esperemos que sexa moito antes dos tres meses».

Os candidatos a presidir a RAG terán que ser propostos por un mínimo de tres académicos ata 48 horas antes da celebración do plenario.