O libro galego «O neno can» entra no catálogo das mellores publicacións sobre o tratamento da discapacidade

CULTURA

Álvaro Ballesteros

O título, asinado por Fina Casalderrey e Francisco Castro, inclúese na lista do Centro Ibby de Oslo

11 ene 2013 . Actualizado a las 17:37 h.

O neno Can, o libro de breves relatos a favor de Unicef no que Fina Casalderrey e Francisco Castro abordan asuntos relacionados coa falta de dereitos básicos que padecen moitos nenos, acaba de ser incluido no Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais. Esta institución, con sede en Oslo, elabora a coñecida como Lista Outstanding Books 2013, unha colección cos títulos destacados polo seu tratamento da discapacidade.

O libro galego, publicado no 2012, e no que se contan historias de cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos ou a discriminación de quen é diferente por calquera motivo, logra desta maneira un gran recoñecemento internacional. Entra nun catálogo que recolle as mellores publicacións sobre esta temática -editado en varias linguas-, e que se expón, primeiro, na Feria do Libro Infantil de Boloña e, posteriormente, en distintas capitais a través dunha mostra itinerante. Asemade, entra a formar parte dunha colección permanente que se expón no Centro IBBY.

O libro que, a pesar da crueza das realidades que conta, amosa relatos cheos de vida, publicouse en galego pola Editorial Galaxia, firma que amosa a súa satisfacción polo recoñecemento. Nos vindeiros meses será publicado en castelán por outra editorial.

Xunto a O neno Can, outros dous títulos españois foron seleccionados dende Oslo, a partir do dictame dunha comisión de expertos.

Centro IBBY

O Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais foi creado en 1985 no Norwegian Institute for Special Education da Universidade de Oslo e ofrece servizos de información, consulta e documentación sobre esta temática. Grazas aos seus proxectos internacionais, que contan co apoio de Unesco e de varias editoriais, a institución posúe unha gran colección de libros para nenos e mozos e tamén para adultos con dificultades de linguaxe e de lectura.