Galicia lembra a Fernández del Riego

Lourenzá conmemora o centenario do seu nacemento


viveiro / la voz

O intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) foi lembrado onte no centenario do seu nacemento. Na súa localidade natal, Lourenzá (Lugo), onde fora nomeado fillo predilecto no 2001, a figura de Fernández del Riego foi lembrada pola tarde nunha misa homenaxe, cunha ofrenda floral ante o seu busto e coa proxección do documental Pegadas na memoria.

O de onte será o primeiro dunha serie de recoñecementos que o intelectual recibirá ao longo destes doce meses, xa que o vindeiro pleno municipal declarará o 2013 como ano de Francisco Fernández del Riego. A rexedora laurentina, Emma Álvarez, avanzou onte que, en colaboración coa Xunta e coa Fundación Penzol, o Concello xa prepara unha serie de actividades para desenvolver en datas sinaladas, como o Día das Letras Galegas, celebración tamén impulsada polo que fora presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001, ou no mes de novembro, coincidindo coa data na que Del Riego fora nomeado o primeiro fillo predilecto de Lourenzá.

Figura senlleira da cultura

Desde a Consellería de Cultura colaboran coa fundación, presidida por Del Riego desde 1963 ata o 2009, e co Concello, para conmemorar o centenario do nacemento do intelectual «co obxectivo de difundir o labor dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega do século XX». O Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, está accesible na Rede e recolle, entre outros actos, o 50.º aniversario da Fundación Penzol.

Entre outras personalidades, acudiron onte a Lourenzá a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, o deputado provincial Alfredo Llano, e o cronista oficial de Foz, Suso Fernández.

Por outra parte, a editorial Galaxia presentará o xoves 10 en Vigo o libro Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. Na Casa de Cultura asistirán á presentación do volume Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Fundación Penzol, ademais de Xosé Luís Franco Grande, María Dolores Cabrera ou Malores Villanueva.

Votación
0 votos
Etiquetas
Xunta de Galicia Lugo ciudad A Mariña Vigo ciudad RAG Raquel Arias Lourenzá Foz Día das Letras Galegas Editorial Galaxia Francisco Fernández del Riego Alfredo Llano Letras Galegas 2014 Consellería de Cultura Comarca de Lugo Comarca da Mariña Central Comarca de Vigo