Avelino Pousa Antelo. In Gallaeciae memoriam

Amancio Liñares AUTOR DO LIBRO «CONVERSAS CON AVELINO POUSA ANTELO»

CULTURA

21 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Co falecemento de Avelino Pousa Antelo (Barcala, 1914?Teo, 2012) perdemos un home moi vital e inconformista, que mantiña a memoria fértil dos galeguistas históricos. En pouco tempo, as necrolóxicas sobre Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Xaime Isla Couto. E agora nesta restra de dores temos que inserilo a el, coma o nome máis lonxevo dunha xeración benemérita, que traballou, soñou e reivindicou arreo un galeguismo consciente e outro mundo posible.

Sen dúbida, a pedagoxía, o agrarismo e o galeguismo son os eixos da súa vida. Tres conceptos e praxes ensarilladas. Poden adobiarse con outras ideas-forza: cooperativismo, compromiso, humanismo, didáctica, irmandade, prosperidade, democracia, nacionalismo, progreso... mais todo vai dar aí no ser do Avelino.

Inda hoxe pasei pola Coruña, por Seoane de Barcala -o noso común «recanto matricial»- e por Castriz de Xallas, parroquia de arrieiros onde Pousa tivera o seu primeiro destino como mestre. E pensei nese seu rexo camiñar case centenario, tan longo e intenso. Matinei no que puideron mudar esas xentes e terras coruñesas, de Castriz, de Barcala, de moitos espazos rurais e urbanos que pisou dende neno Lucho do Peto («un rillote aldeán, argalleiro e inquedo»). E o balance, inda con adiantos evidentes, ten que seguir facéndonos inconformistas. Porque a terra do ideal e do imaxinario galeguista fica moi lonxe.

Non sabemos se o San Roque o libraría xa dos pestimales, dos bechos fantásticos que el maxinara na nenez. E cando o Lucho descubriu que a cantiga pedía liberarse de peste y males, tamén se apuntou á tarefa de por vida. Se vimos retratado a Ramón Piñeiro marchando deste mundo silandeiro e con pantuflas, ó Avelino podemos debuxalo no alén cun tamboril para espertar conciencias e tenis de correcamiños.

Del aprendemos que, a pesar de moitas realidades actuais que «dan noxo» -lembranza de Castelao-, «temos futuro, temos mañá», como nos cantaron Fuxan os Ventos.