«O interese pola cultura galega segue en continuo ascenso»

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Miguel Villar

A AIEG reúne a especialistas de todo o mundo nos estudos de Galicia

17 may 2012 . Actualizado a las 12:30 h.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) concentra, dende a súa fundación en 1982, aos académicos de todo o mundo que traballan na investigación e docencia da cultura galega. Aínda que principalmente este labor se centrou nas letras, a entidade quere dar máis visibilidade a áreas como a tradución ou a economía. A asociación celebrará este outono o seu décimo congreso en Cardiff, a cidade galesa en cuxa universidade imparte clase o actual presidente da AIEG, o doutor Craig Patterson.

-¿Como ve hoxe en día a saúde dos estudos galegos no mundo? ¿Medrou o interese, existe un maior coñecemento de Galicia e a súa cultura?

-Véxoa ben, e en continuo ascenso. Dende a miña entrada nos estudos galegos cara finais da década dos noventa, só vin unha expansión dos estudos galegos en termos de teses, estudosos, libros, artigos e redes. E iso explícase en gran parte pola presenza dos centros de estudos galegos e lectorados espallados polo mundo e subvencionados por sucesivas Xuntas de Galicia. É imprescindible que a subvención para esas iniciativas siga en pé e sen recortar máis se pretendemos tratar de Galiza e da realidade galega no ámbito científico. En fin, creo que durante os últimos quince anos temos pasado de ser catro gatos a ser unha colectividade moi significativa.

-¿Ademais dos congresos, que outro tipo de actividades desenvolve a asociación?

-Mandamos boletíns electrónicos aos nosos socios. Tamén difundimos novidades por redes sociais, como Facebook, no que temos un milleiro de seareiros, e foros electrónicos. Cando o xulgamos relevante e necesario, comentamos sobre as cuestións contemporáneas da realidade galega de maneira pública. Iso foi e é o caso dende o 2009 máis ca no pasado, precisamente a causa das políticas lingüísticas e culturais do Goberno galego actual, que prexudican á saúde da lingua e cultura galega, os cales son o enfoque principal da AIEG. Non responder a semellante ameaza sería un abandono da responsabilidade innata herdada pola AIEG no tocante ao estudo continuo da galeguidade en todas as súas facetas.

-¿En que países contan con socios?

-Os nosos socios están ben repartidos polo mundo, na máis fermosa tradición da diáspora galega... Rusia, América Latina, Estados Unidos, Canada, Europa, Nova Celandia, Australia. A difusión xeográfica e cultural dos nosos socios representa outra proba máis do potencial dos estudos galegos a nivel mundial.

-¿E como é o seu traballo en cadanseu lugar, tanto de docencia e investigación como de difusión cultural?

-De todo. En xeral, son profesores titulares encargados tamén de facer investigación científica, ubicados sobre todo nos eidos das humanidades e filoloxías, aínda que a AIEG sempre ten as portas abertas para calquera especialista en calquera eido que pretenda tratar da realidade galega dende enfoques e perspectivas plurais.

-¿Como vai ser o vindeiro congreso, que se celebrará este outono en Cardiff?

-A asociación cumpre trinta anos de vida, dende 1982, e este será o décimo congreso trianual. O enfoque será multidisciplinar, de espírito atlántico e universal. Ademais, elixirase a nova directiva e o lugar do vindeiro congreso, no 2015.

-Sempre se fala de que Galicia precisa unha maior visibilidade no exterior como cultura propia. ¿Cal é a súa visión e como se enfoca ese traballo dende a asociación?

-Si, antes de ser española ou lusófona sen máis, Galiza merece e necesita unha promoción, cando non defensa nos tempos presentes, da súa singularidade en tódolos sentidos. Ten unha lingua, historia, cultura e paisaxe propia, única, e por iso esixe unha especialización profesional e dedicada. A AIEG segue sendo a única entidade científica dedicada exclusivamente aos estudos galegos, e por iso xoga un papel importantísimo ao nivel do recoñecemento e promoción de Galiza como fenómeno digno de estudo nos graos máis altos e complexos da ciencia humana.