La Voz ofrecerá un libro cos mellores artigos de Casares

O volume poderá adquirirse co xornal por só un euro o vindeiro venres

la voz

O vindeiro venres cumpriranse dez anos do falecemento, en Vigo, de Carlos Casares. Galicia perdía unha das figuras que máis traballaron polo galego e a súa cultura, ademais dun dos escritores máis sobranceiros, tanto no eido literario como no xornalístico. A súa columna Á marxe en La Voz de Galicia, coa que acudiu puntual á súa cita diaria cos lectores durante 14 anos, foi un espazo de inmensa popularidade no que Casares ía debullando lembranzas, anécdotas, lecturas, viaxes e o seu día a día, converténdoo en literatura grazas ao seu dominio das técnicas do conto, que aplicou aos seus textos, e ao seu sentido do humor.

Para honrar a memoria do escritor, La Voz ofrecerá co xornal dese día un libro que recompila unha cumprida mostra do xenio que despregou Casares a diario en Á marxe. Trátase dunha escolma de 59 artigos, todos eles publicados na súa emblemática sección, agás Carta aberta a un político galego, na que o autor aborda o espírito que inspirou os primeiros anos da autonomía, e que lle valeu en 1983 o Premio Fernández Latorre. É tamén un dos textos nos que tratou a cuestión política dun xeito máis directo, porque nas súas columnas, como ben anunciaba o seu lema, prefería reservarse para esas pequenas cousas da vida que, non obstante, moitas veces son as de maior importancia.

Deste xeito, o volume Carlos Casares en La Voz de Galicia organiza os textos en grupos temáticos, dende o tratamento por parte do escritor da infancia -a súa propia e o mundo dos nenos- ás lembranzas de Xinzo e os seus habitantes, as súas viaxes, o encontro con Suecia e como inspirou o seu pensamento político e social, a gastronomía, as lecturas e os amigos escritores e a peculiar relación cos animais, representada especialmente polo gato Samuel, un dos personaxes favoritos dos lectores: resulta case apropiado que no derradeiro artigo que escribiu Casares, a véspera mesma da súa morte, se referise á cuestión de se os coellos beben auga ou non.

O volume, que se pode adquirir co xornal por só un euro, conta tamén con dez evocadoras ilustracións a cargo de Pinto?&?Chinto, Leandro, Abraldes, Kiko DaSilva, Siro, Xaquín Marín, Meixide, Xosé Tomás, Matalobos e Pepe Barro. Ademais, o libro ábrese cunha presentación da viúva de Casares e presidenta da fundación que leva o seu nome, e péchase cun epílogo escrito por Xosé Luís Barreiro Rivas. Completa o tomo unha introdución sobre o Casares articulista de Á marxe por Xesús Fraga, responsable tamén da recompilación dos textos e un retrato na capa do escritor no seu espazo íntimo, tomada polo tamén autor e amigo seu Ramón Loureiro.

Votación
5 votos
Etiquetas
Suecia La Voz de Galicia Vigo ciudad Carlos Casares Xinzo de Limia Xesús Fraga Comarca de Vigo Comarca da Limia