Casares, 10 anos despois

CULTURA

Fundación Carlos Casares

La Voz lembra o escritor no décimo aniversario do seu pasamento coa edición dunha escolma dos seus mellores textos

03 mar 2012 . Actualizado a las 12:47 h.

Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) concibía a vida dende unha visión puramente narrativa. É dicir, todo era un conto. Cos seus personaxes, escenarios e desenlaces. Esta habilidade, propia do que antes se chamaba o escritor «de raza», foi a que lle permitiu converter o que ollaba e imaxinaba en literatura e decantar o resultado ata a súa máis pura esencia en libros inesquecibles como Vento ferido, Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul. Mesmo cando practicou o xénero do ensaio o fixo dende ese «pensamento narrativo»: o cumio desa concepción fica representado en Un país de palabras, un conxunto de pezas arredor do feito literario que, grazas ao impecable estilo de Casares, consegue gañar en lexibilidade e profundidade ao mesmo tempo.

Non obstante, os exemplos máis requintados desa variña máxica que era a capacidade de Casares para converter o que vía en literatura son o seu dominio da narración oral e os seus artigos xornalísticos. Do primeiro puideron gozar os seus amigos e quen se achegaron ás numerosas conferencias que pronunciou durante anos por todo o país, actividade enmarcada dentro do seu incansable activismo a prol de Galicia e da súa literatura, sexa á fronte da Editorial Galaxia (onde publicaba os seus libros), do Consello da Cultura Galega ou como deputado independente na primeira lexislatura da autonomía. Do segundo, porén, gozaron milleiros e milleiros de lectores.

Carlos Casares comezou a escribir en 1975 en La Voz de Galicia cunha sección dedicada á literatura de nome inequívoco: A ledicia de ler. A idea xurdiulle durante unha viaxe a Francia ao ver que Le Monde contaba cunha sección semellante. Aquel recuncho mantívose ata a seguinte década, na que comezou a escribir baixo o título de Á marxe, primeiro con periodicidade semanal e, a partir de 1988, diariamente ata a mesma véspera da súa morte, o 9 de marzo do 2002.

Á marxe constitúe un proxecto literario senlleiro en Galicia. Grazas a unha calidade narrativa que o esixente ritmo da regularidade propia do xornal non foi quen de diminuír, Casares creou un espazo breve en dimensións pero de longo alcance, tanto na difusión como na profundidade. A súa columna contaba con milleiros de fieis seguidores, que mesmo chegaban a manter unha sorte de diálogo co autor, para suxerirlle temas, matizar opinións ou interesarse pola saúde do gato Samuel, unha verdadeira estrela nos últimos anos de Á marxe. Á eficacia contística dos artigos engadíase a extraordinaria habilidade de Casares para conectar cos lectores a través da creación dun universo persoalísimo, pero que, paradoxalmente, ao mesmo tempo cada receptor chegaba a considerar seu. Isto debíase ao xa comentado dominio dos recursos da narración, pero tamén do sentido do humor e da calidade humana que transpiraban os artigos.

A súa columna contaba con milleiros de fieis seguidores

O escritor retratábase nese universo particular: a infancia en Xinzo e nas aldeas da Limia, cos seus personaxes; as viaxes, que non deixaba de narrar nunca nas columnas; as lecturas de libros e revistas, moitas delas estranxeiras, e que evidenciaban a amplitude da súa curiosidade; o espazo do cotián, facendo do extraordinario algo próximo e do próximo algo extraordinario... É inevitable relacionar este proxecto, sostido a diario durante 14 anos, cos grandes memorialistas, empezando por Miguel Torga, a quen Casares tanto admiraba e cuxos Diarios consultaba «coa asiduidade dun devoto fervoroso que le un devocionario». Malia constituír Á marxe un territorio narrativo que facía honor ao seu título, e no que Casares esquivaba as grandes cuestións que adoitaban escribirse en caixa alta, era consciente do valor dos artigos. Como escribiu Marcos Valcárcel na súa contribución sobre o Casares dos xornais ao volume A semente aquecida da palabra, «para o escritor o columnismo non era un irmán menor da literatura e dedicoulle, cando menos, o mesmo esforzo que ás súas obras de ficción literaria: só así pode entenderse a constancia e enorme autodisciplina que supón someterse ao ritual dun artigo diario durante moitos anos».

Libro conmemorativo

Para conmemorar o décimo aniversario do seu pasamento, La Voz ofrecerá o vindeiro día 9 un libro, polo prezo de só un euro, con 59 deses máxicos artigos que escribía Casares no xornal. Están divididos en áreas temáticas que engloban ese universo do autor: o microcosmos de Xinzo, a infancia, as viaxes e o encontro con Suecia, a gastronomía, Galicia, as súas lecturas e encontros con escritores e ese agarimoso personaxe que era o gato Samuel. O volume conta cunha presentación de Kristina Berg, viúva do autor e presidenta da f undación que leva o seu nome, unha introdución e un epílogo de Xosé Luís Barreiro Rivas, no que reflexiona sobre o xeito de Casares de entender o columnismo. Ademais, inclúe ilustracións de Pinto&Chinto, Siro, Xaquín Marín, Kiko DaSilva, Matalobos, Abraldes, Leandro, Xosé Tomás, Meixide e Pepe Barro. Unha ocasión para reencontrarse cunha mostra do mellor Casares, o columnista irrepetible e inesquecible.