Os novos Premios da Crítica apostan pola creación arriscada

Entre os galardonados están Ana Romaní e Jorge Mira, colaborador de La Voz


vigo / la voz 23/10/2011 06:00 h

O mapa formado polos renovados Premios da Crítica retrata unha paisaxe cultural inconformista e con gusto pola diversidade e o risco. Esta nova versión dos premios dados a coñecer en Vigo concéntrase en seis categorías para as principais disciplinas artísticas, distinguindo a creación e a investigación así como aquelas iniciativas de carácter cultural realizadas durante o ano pasado. A cerimonia de entrega reuniu a 400 persoas e foi guiada por Comba Campoy.

Estremas é o libro de máis recente publicación de Ana Romaní e foi o escollido polo xurado de creación literaria como o máis destacado do pasado ano. Para a escritora e periodista o Premio da Crítica supuxo «unha sorpresa» e explicou que o entendía como un recoñecemento para «todas e todos aqueles que traballaron para que haxa un outro horizonte nesta lingua». Romaní lembrou a necesidade da «liberdade, irreverencia e ousadía» e na súa reivindicación explicou que, se «nada nos protexe, todo nos reclama».

O premio da investigación foi para Jorge Mira polo seu traballo no estudo das similitudes das linguas en competencia e tamén polo seu labor de divulgación científica.

No apartado musical, a elección recaeu na orquestra folk Son de Seu, agrupación que dirixe Rodrigo Romaní e que, segundo o xurado, encontrou outro xeito de interpretar a música popular.

Nas artes visuais, o premio recaeu en Ángela de la Cruz «pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva». En iniciativas culturais o premio foi para o Proxecto Terra polo impulso para a reflexión sobre o patrimonio e a paisaxe. No apartado de artes escénicas e audiovisuais o traballo escollido foi Citizen, de Chévere. Unha obra que, segundo o seu director, Xesús Ron, quere «reivindicar o teatro feito a man fronte ás industrias culturais». Considera Ron que tamén é unha reivindicación «do modelo de compañía residente» e dun tipo de teatro que «partindo da realidade é un xénero de ficción fronte aos que tendo que xestionar a realidade lévana á ficción irresponsablemente».

Votación
14 votos