Os Premios da Crítica inician unha nova etapa «máis plural»

Manterán a súa sede en Vigo e este ano celebraranse en outubro


santiago / la voz 05/08/2011 06:00 h

Foto de familia e plans de futuro para a refundación dos Premios da Crítica, unha refundación que, segundo a súa nova xunta directiva, permitirá unha maior «pluralidade» en todos os sentidos. Bieito Ledo encabeza desde onte un comité formado por dezaseis persoeiros da cultura galega que, segundo Ledo, «evitarán que desapareza unha iniciativa consolidada».

Ledo sinalou onte na primeira das reunións do cerne do padroado da Fundación Premios da Crítica que coa nova composicións de dezaseis persoas garántese «unha pluralidade xeracional, ideolóxica e de xénero que existe no país». O editor apuntou que, nesta nova etapa, «seis dos dezaseis integrantes son mulleres, e no futuro serán máis».

En canto aos cometidos, calendario e carácter dos novos Premios da Crítica, Bieito Ledo sinalou que a súa vocación será a mesma de sempre, aínda que se debaterán neste mesmo mes algunhas das circunstancias e xeitos de organización do premio. Deste xeito, o vindeiro día 26 terá lugar unha nova reunión coa xunta directiva ao completo para decidir cantas categorías de premios haberá nesta nova época e tamén a renovación dos estatutos que, polo de agora, aínda rexen esta asociación. O que non cambiará será a celebración anual en Vigo da cerimonia de entrega de premios. Tamén se manterán para vindeiras edicións as datas do mes de maio próximas ao Día das Letras Galegas.

Este ano non poderá ser así e, segundo se explicou na reunión, está previsto de xeito excepcional que os premios se entreguen arredor do 20 de outubro mantendo a Vigo como sede para o acto, aínda que está por concretar o local no que se celebrará a entrega dos premios. Tal como se anunciou onte, os cargos da directiva serán o de Bieito Ledo, como presidente, Antón Pulido, como vicepresidente, e Manuel Bragado, como secretario.

O novo presidente aludiu a esta refundación como unha necesidade ante a situación na que se encontrou despois de que quixeran extinguir os premios «probablemente para volvelos resucitar doutro xeito». Ledo explicou que, ante o que el e outra xente vencellada aos premios consideraban «unha manobra», decidiron evitar a súa desaparición por medio da refundación do padroado e da súa xunta directiva.

Nesta primeira xuntanza, o novo presidente explicou tamén algúns dos contactos realizados durante este mes pasado con responsables de institucións culturais galegas, desde o Consello da Cultura ata a Real Academia pasando pola Consellería de Cultura, para informar das intencións de manter a existencia dos galardóns.

Votación
2 votos