Galicia festexa hoxe a súa lingua na figura do poeta Lois Pereiro

X.?F. redacción / la voz

CULTURA

A Academia, satisfeita polas numerosas convocatorias arredor do escritor

17 may 2011 . Actualizado a las 11:38 h.

Galicia festexa hoxe, como cada 17 de maio dende 1963, a súa lingua e a súa cultura, encarnada na obra dun escritor senlleiro, este ano a de Lois Pereiro. A cidade natal do autor, Monforte, será o escenario do acto institucional organizado pola Real Academia Galega, pero, por paradoxal que pareza, o día central das homenaxes non deixa de ser unha xornada máis nun calendario que leva varias semanas ateigado de datas reivindicado ao poeta, e no que figuran aínda moitas convocatorias.

Onte, o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, referiuse a un «fenómeno Pereiro» para ilustrar a cantidade de actos reivindicativos do poeta, unha resposta popular que «sorprendeu gratamente» aos académicos, aínda que, asegurou Ferrín, en ningún momento dubidaron do alcance da súa escolla: «Estes días para algúns a Academia parece unha institución de vellos e vellas que acertaron case sen querelo, pero aquí están sentadas persoas que nos últimos 50 anos romperon moldes literarios e políticos da sociedade galega», advertiu.

Para o presidente dos académicos, o caso de Pereiro é «unha anomalía, porque os da súa xeración aínda están vivos e el debería estar en plena produción. De estar vivo, tería que estar na Academia, pero morreu antes de tempo». Isto dá, non obstante, a oportunidade de ollar con sentido crítico a súa obra e situar a súa xeración no seu contexto.

Tanto Ferrín como Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, anfitrión da homenaxe, subliñaron a universalidade da obra de Pereiro e o atractivo que representa para as novas xeracións. O escritor admitiu con alegría que era a primeira vez que vía un graffiti na rúa coa faciana dun escritor galego, como os stencils que viu en Vigo co rostro de Pereiro. E, cando pasen as homenaxes, quedará un pouso de coñecemento: «Pereiro e a súa xeración aparecerán dun xeito máis claro do que estaban».