«A Real Academia Galega é un tanque de intelixencia»

Tucho Calvo

CULTURA

«A nosa vocación é o silencio e o traballo, pero tamén somos inflexibles -todos, porque nisto non hai votos en branco- no patriotismo e na defensa da nosa lingua»

24 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega é «un tanque de intelixencia» cunha vocación que definen «o silencio e o traballo, pero tamén o ser inflexibles -todos, porque nisto non hai votos en branco- no patriotismo e na defensa da nosa lingua», segundo a idea que ten da institución o seu novo presidente, o catedrático xubilado, escritor e tamén durante moito tempo activo político nacionalista, Xosé Luís Méndez Ferrín. Elixido con 20 votos afirmativos e 3 en branco dos 23 emitidos (1 por correo), Ferrín aposta ademais polo continuísmo a respecto do estilo e do modo de traballar da anterior executiva. E afirma: «Quixera que a RAG puidese estar calada, que estivésemos todos traballando».

-Inicia o seu mandato de catro anos co voto practicamente unánime dos seus compañeiros. ¿Como o valora?

-O apoio é óptimo. Non houbo outra candidatura para opoñerse á miña, pero tamén é certo que eu non me opuxen á de ninguén. Ao noso proceso súmase o conxunto da Academia, e incluso estou seguro de que os que votaron en branco se unirán aos nosos traballos co mesmo entusiasmo dos que votaron afirmativamente.

-Unanimidade e continuísmo seguindo un acordo plenario previo que onte se viu plenamente ratificado.

-Hai unha nova executiva da que forman parte algúns cargos da antiga (Manuel González e Axeitos) que garanten e fan visible que esta nova etapa da RAG vai ser en boa medida continuísta a respecto do estilo e do modo de traballar da anterior.

-Mais para vostede suporá un cambio no ritmo de vida.

-No meu ritmo de vida, si. Moverme de Vigo á Coruña é unha satisfacción porque eu estou moi cómodo nesta cidade, pero tamén supón un esforzo.

-Mesmo acabará por usar o móbil decote.

-Pero un móbil oficial que só sirva para que me chamen da Academia.

-¿E escribir?

-Vaime quitar un pouco de tempo, pero para as cousas xornalísticas, non para o resto. O traballo da Academia é certo que é terrible, porque ademais non hai unha compensación económica. Podemos dicir que é como un voluntariado.