«Faremos o posible por persuadir ao Goberno galego de que deixe instituído un orzamento para sempre»

La Voz

CULTURA

24 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Non había un programa electoral. Había algunhas consideracións, que lles fixen a todos os académicos por escrito, nas que insistía na continuidade na maneira de ser da RAG que se instituíu con Fernández del Riego e Barreiro. Ese era un dos puntos fundamentais. E o apoio á presenza da Academia en actos públicos, sociais e cívicos, e tamén a necesidade de ser máis e máis efectivos nos nosos traballos no mundo da lexicografía, a gramática, a onomástica e nos territorios que lle son propios á Academia», comenta Ferrín.

-Vostede chega coa idade e a experiencia axeitadas para o cargo, e con ganas de traballar por unha Academia, moi limitada de medios, da que nalgún momento foi crítico.

-As críticas non foron nunca sobre a Academia ou a súa existencia, senón puntuais por algunha actuación. Non me estraña que a RAG teña un pasado con moitos altos e con moitos baixos na súa historia centenaria porque nunca tivo independencia económica. Sempre viviu de favores e de beneficencia, en realidade. Se conseguísemos saír desa situación sería magnífico, pero non o sei. Faremos todo o posible por persuadir á Xunta de que sería ben que deixase instituído un orzamento para sempre, á marxe dos cambios políticos.

-Non sei se é o mellor momento para acadalo, e non por estar o PP na Xunta, senón por toda a tensión que se está a crear na sociedade desde dentro e desde fóra.

-Tampouco ten por que ser necesariamente un mal momento. A RAG acaba de revelar na sociedade galega, dun día para outro e cunha contundencia notable, a súa existencia e a súa autoridade cun documento clave para cambiar a cousa. A RAG está nestes días máis presente do que estivo nunca no resto do Estado. O noso punto de vista consiste en pedir que a subvención da RAG figure nos orzamentos da Xunta e acadalo non depende de nós. O bipartito anterior non quixo. Non sei agora.

-Que pode facer a RAG.

-A RAG é un suxeito colectivo formado por individualidades moi fortes. Podía ser máis numerosa, porque Galicia é un país moi culto e nada ensimesmado... pero os académicos que existen son un grupo de intelectuais moi forte. E a evidencia está na análise que fixo das bases. Non hai nin un só colectivo en Galicia que puidese ter feito nada semellante, salvo o de xuristas, que coincidiu coa Academia nas partes que facían referencia ao campo legal.