Unha arte nosa que entenden polo mundo

Dous dos máis grandes creadores galegos contemporáneos, Antón Lamazares e Francisco Leiro, reflexionan sobre o seu traballo e a experiencia de viviren fóra con estudos en Berlín e Nova York


Úneos unha vella amizade e unha xenialidade recoñecida; tamén a experiencia de facer as maletas xa hai moitos anos para buscar fóra unha oportunidade de aprender e de amosar as súas creacións; quizais compartan a forza dunha execución da obra con man firme -artesá, ruda, primitiva, auténtica-. Pero Antón Lamazares e Francisco Leiro -pintor e escultor dos máis representativos do país- están noutras moitas cousas nas antípodas. Leiro rexeita de entrada as entrevistas e encontros como este. Tímido e introvertido, cústalle arrancar a falar. Non é doado convencelo. Lamazares é paroleiro, devoto da xoldra e apúntase de contado a viaxar a Cambados para o encontro co amigo no seu estudo. Aínda non ben sentaron, Antón marca o ritmo picando xa a Francisco desde as primeiras palabras. O escultor fai ás veces longos silencios mentres procura unha resposta enxeñosa. Non está cómodo. Reatópase cando a conversa apousa.

-Antón Lamazares. Eu andaba con libros de Homero e de Virxilio no peto, e el andaba con Mortadelo e Filemón.

-Francisco Leiro. Esa anécdota non fas máis que contala, e é unha paxarada.

-A.?L. É obxectiva. A min nunca me gustou iso.

-F.?L. Eu tampouco fun un gran lector de cómics.

-A.?L. Fuches, fuches.

-F.?L. Que non. ¿Non estarás gravando? [dirixíndose a min].

-A.?L. Ponte fino agora. É a p... verdade. Din que o cómic é unha das belas artes... ¿ao carón de Homero, de Picasso...? Será un chiste. Axudou a moita xente, por exemplo a ti. A min, a nada. Sen embargo, si me gustaron os debuxos infantís.

-F.?L. Dilo ti todo. ¿Por que non lle fas a entrevista a el? [De novo fala co entrevistador].

-Pregunta. Leiro en Nova York, Lamazares en Berlín. ¿Que vos levou a saír de Galicia?

-A.?L. Eu, como son máis vello, fun antes por aí traballar fóra. Non había máis remedio que marchar de aquí para aprender cousas. Di Ramón y Cajal na súa autobiografía: «Querido lector: me preguntarás qué es la cultura. La cultura consiste en darle manos a quien tiene alas y alas a quien tiene manos, pero no olvide que el tamaño de la planta corresponde siempre al de su maceta». Aquí non había maceta, así que non podía haber planta e, no meu caso, como no de todos, funme para aprender, para buscarme a vida.

-F.?L. Eu marchei de Cambados para Santiago e de Santiago a Madrid por casualidade. Fíxeno cun amigo de Cambados, Lino Silva, un verán que vendimos unha escultura e uns cadros. En principio tiña pensado irme a Barcelona á escola Massana, pero marchei para Nova York por outra casualidade. A galería coa que traballaba, a Montenegro, conseguiume unha bolsa e da noite para a mañá aparecín alí. Sen buscalo. E mira, levo desde o 88, pero indo e vindo sempre. O taller de Cambados nunca o deixei.

-P. ¿Non se sente integrado alí?

-F.?L. Nada, nada. Das primeiras cousas que aprendín en Nova York foi que a frase «ser cidadán do mundo» é unha parvada. Alí daste conta de que tes que ser de algures e reafirmarte no que es. A cidade aliméntase da xente que vai; a cidade non alimenta a ninguén. Todos temos que levar algo ou, se non, danche unha patada e tírante ao Hudson.

-P. ¿Que vos aportou ir fóra?

-A.L. Eu vívoche sempre na miña aldea. Marcheime porque hai que ver mundo e buscarse a vida. Estiven en Nova York dous anos. Non me gustou. Voltei, abrín un taller en Salamanca, regresei a Madrid, onde manteño o taller desde o ano 77, e agora vivo en Berlín. Viaxo pouco e vivo sempre na aldea. Cunha característica: vivo na aldea aquí (e sinala a cabeza). Nova York, Berlín, as grandes cidades... iso de ser cidadán do mundo, ¿que é? Para ser cidadán do mundo, tes que facer unha arte de tal maneira que a entendan en todos os lados.

-F.L. Que ti aportes ao mundo.

-P. Pero nun tempo coma este, no que desde calquera sitio podes coñecer o que se fai en todo o mundo, non semella tan necesario desprazarse.

-F.?L. Iso é verdade. Pero, de todos xeitos, o entorno ás veces axúdate a crear. Se montas o estudo en Tegucigalpa, o que rodea o taller é un país diferente e cando saes fóra descobres cousas, porque es ti o que vas de cacería. Non é que vaias alí para que che metan na cabeza as súas cousas. Claro que isto tamén depende das persoas. A min pasoume en Nova York e pode pasar en calquera sitio: ás veces estás no lugar onde ocorren un montón de cousas e entéraste de oídas. Dalgún modo o feito de estar en certos sitios, non sei por que, inflúete. Non sei se ti, Antón, en Berlín estás todos os días nos clubes de moda.

-A.?L. (serio, transcendental) Eu, Francisco, vou á misa todos os días ás oito da tarde onde queira que estea. Poñer unhas flores, e pensar nos meus mortos e na miña xente... porque son franciscano... non coma ti, que es un home de discotecas.

-P. ¿Saír e estar fóra provocou moitos cambios nas vosas traxectorias ou son a fidelidade a un estilo xa aceptado polo mercado e as presións das galerías quen trazan o voso camiño?

-F.?L. Eu penso que tanto Antón coma min fixemos sempre o que nos saíu de dentro.

-A.?L. No meu caso fago o que podo, que é pouca cousa. ¡Xa me gustaría facer o que quero! E dáme igual o que diga o Papa, o alcalde ou o sancristán... eu fago o que podo.

-P. ¿Vedes que os novos tamén teñan que deixar o país?

-F.?L. Aquí trabállase o mesmo que en calquera sitio. Os da nosa xeración posiblemente sexamos os últimos que necesitamos saír fóra. Antón marchou para Madrid no 77 porque aquí non había nada de nada. Claro que en Madrid tampouco. Tiñan o museo de...

-A.L. De cera...

Votación
10 votos