Eduardo Estévez asegura que «Construcións» perdeu o Premio Garcés e gañou un editor


05/11/2008 02:00 h

Positivas acaba de publicar Construcións, o máis recente libro poético de Eduardo Estévez. Libro que foi Premio González Garcés ata que o xurado decidiu modificar o fallo tras a reclamación de Xavier Lama, que finalmente foi sinalado como gañador.

Estévez considera que «as polémicas non favorecen a ninguén», pero admite que quizais o ruído arredor do premio «chame máis a atención sobre o libro, aínda que se o libro non é bo tampouco vai servir».

Eduardo Estévez explica que Construcións é unha obra «sobre pequenas historias e pequenas traxedias» que lle provocou moitas preguntas: «Eu digo que isto é poesía, pero se sigo os argumentos de cada peza poderían ser relatos». O escritor mantén esa dúbida despois de publicar o libro e comenta que «a poesía é unha mirada sobre as cousas pequenas que é unha metáfora das cousas grandes».

Construcións é para o seu autor unha obra que supón «unha procura máis reflexiva» na que se plantexa «os poemas como preguntas, como procura das preguntas, que é o máis lonxe que podemos chegar».

Sinala que este tono menos lírico e máis reflexivo xa aparecía nalgúns dos poemas do seu anterior libro, Derrotas, «pero quizais antes eu traballaba en paisaxes emocionais e agora tento máis chegar ás preguntas».

Que unha parte do proceso de escrita do libro se fixese a través da Rede non inflúe, segundo o autor, «no estilo do libro». Estévez asegura que en obras anteriores «xa buscaba o feedback dos lectores aínda que fose por outros métodos».

Eduardo Estévez mantén agora a mesma opinión que hai case dous meses sobre a polémica do premio: «No seu día pensei que fun inxustamente tratado e sigo pensado igual. Modificar o fallo é un erro porque o xurado actuara de boa fe». Entende Estévez que o proceder de Lama «está nas bases e na lei e polo tanto é procedente», pero el «non o tería feito».

Conclúe o escritor que o proceso está pechado en canto que el quixo pechalo «por non seguir preiteando». Eduardo Estévez está tranquilo coa súa decisión porque, segundo afirma, perdeu o diñeiro, pero gañou un editor, engadindo que o seu libro estará mellor tratado en Positivas que na edición institucional.

Votación
5 votos