De carpinteiro de ribeira a prolífico gaiteiro no seu retiro

Dolores Vázquez BERGONDO / LA VOZ

SADA

Morreu Camilo Crespo González, natural de Bergondo

26 may 2017 . Actualizado a las 17:31 h.

Carpinteiro de ribeira con 13 anos, gaiteiro dende a xubilación, e republicano de espírito. É un resumo abreviado da vida de Camilo Crespo, veciño de Ouces. Dos primeiros anos queda o seu traballo cos Jurjos de Sada, recoñecidos carpinteiros de ribeira, ata que a emigración o levou a Suíza e a Alemaña. Ao regresar volveu a traballar cos barcos en Astilleros José Valiña, onde se retirou. Foi daquela, aos 65, cando comezou coa gaita, aprendendo de Juan Carlos Longueira, que o recoñecía como o seu mellor alumno pola súa ansia. Aproveitaba ata as paradas nos semáforos para ensaiar. Foi sempre un home argalleiro, recoñece o seu fillo Camilo, tamén carpinteiro, aínda que de branco. A el moitos veciños débenlle as radios de galena para poder escoitar Radio Pirenaica, «fixera un curso de electrónica básica só para iso, para facerlle as radios aos roxos». Das súas mans naceron instrumentos de percusión e aproveitando que facía viño xuntaba na súa casa a gaiteiros de toda a volta as fins de semana para tocar e probalo. Estivo no grupo Xarelos, en Santa Marta. Despois, co seu fillo, tamén en San Xoán, ata que se integrou en Dorna ata os 82. A súa incansable aposta pola tradición e a súa contribución ao folclore foi recoñecida nunha homenaxe que lle renderon Airiños da Torre e o Concello da Coruña no 2005. Foi despedido coa súa peza favorita, o Himno do Antigo Reino de Galicia, e descansa ao lado do filósofo e pedagogo galego Xoán Vicente Viqueira, o que lle agradaba. Con sorna, din que dicía: «Terei un bo veciño para as conversas».