Os de fóra, corenta anos despois

Xosé Lois Martínez TRIBUNA ABERTA

SADA

27 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unhas semanas, mentres viña no coche dende Mera escoitaba un faladoiro na radio. Falaban sobre a posibilidade de que o transporte público de proximidade puidera acceder directamente ao centro histórico da Coruña. Recordeime da gran mobilización de miles de veciños de Mera, Santa Cruz, Sada, Bergondo, O Seixal, Perillo, Acea de Ama... hai deso case 40 anos. Paralizaron o transporte público e, con el, a cidade enteira. Esixían ser tratados como «cidadáns», non como veciños. Reivindicaban o seu «dereito á cidade» a partir do exercicio do «dereito á mobilidade» na cidade da que, xa daquela, entendían que eran parte fundamental.

Un dos tertulianos expuxo as súas dúbidas de se «os autobuses nos que veñen os de fóra deberían entrar ao centro». Os de fóra. Corenta anos despois, segue o espírito da «praza forte» fronte a cidadanía que quere derrubar murallas, límites.

Sempre houbo unha visión da cidade que falaba dun dentro e un fóra: no século XIX. Unha visión excluínte, non integradora, negadora dunha realidade complexa que xa non se axusta aos vellos clichés. Parte da idea de que a cidade remata co término municipal: na ponte da Pasaxe ou en Bens, na Refinería. Nun término municipal, o coruñés, que con Cádiz é o máis pequeno de tódalas capitais de provincia do Estado: apenas 37 quilómetros cadrados. A superficie dun círculo de 4 quilómetros de radio.

Os residentes en Perillo, A Zapateira ou Meicende, por non citar aos do Temple, do Portádego, Acea de Ama, Mera, Sada ou Bergondo... Dende esa visión de corto alcance son considerados «os de fóra».

Se estiveran en Santiago (221 qm2), Vigo (111 qm2), Lugo (330 qm2), Madrid (600 qm2) ou Barcelona (102 qm2)... formarían parte de «os de dentro». Pero están na Coruña. Pero non na Coruña do 2016, senón na Coruña pechada nunha visión de «praza forte» lamentablemente compartida por moitas sensibilidades políticas. Para eles seguen a ser «os de fóra». Unha visión que limita a «cidade» e a «cidadanía» ao municipio, e o exercicio do «dereito á cidade» no ámbito da mobilidade aos límites municipais, tomando como referencia unha demarcación político-administrativa dun término municipal realizada hai máis de 100 anos.

¿Como propoñer o dereito á mobilidade das persoas, é dicir, o acceso a un dos «dereitos á cidade» e á cidadanía, no escenario urbano do século XXI? Tal vez teñamos que empezar por redifinir o «mapa mental» interiorizado en moitos dos habitantes da segunda gran área urbana de Galicia. Un «mapa» que ten servido moi eficazmente para que «os de fóra» e tamén «os de dentro» soporten estoicamente tódolos días sobre o seu lombo os gravísimos custes económicos e sociais derivados da ineficiencia dun transporte público herdeiro dunha visión anacrónica que choca frontalmente cun proxecto contemporáneo de cidadanía inclusiva.

Un proxecto de cidade e de cidadanía que, como reivindicaban hai xa 40 anos os homes e mulleres de Oleiros, Sada, Bergondo, Culleredo, Arteixo... recoñeza o que hoxe, como xa daquela, é unha realidade incontestable: a «cidade real», A Coruña dos 400.000 habitantes, que ten superado hai moito a mirada estreita herdeira dun municipalismo rancio. Unha cuestión prioritaria que precisa dende tódalas institucións ser sometida urxentemente á participación, debate e discusión dos 400.000 cidadáns. Se aspiramos a que todos eles poidan alcanzar o estatus de cidadanía propios da Galicia urbana do século XXI.